Trece artistas con vínculos coa Facultade de Belas Artes participan na mostra 'Pinturas negras'

Pontevedra
19 de febreiro 2025
Actualizado: 14:57

Nela hai pezas de xéneros moi diversos, que van do debuxo e a pintura á arte sonora, pasando polas instalacións e a escultura

Rafa Domínguez e Ignacio Pérez Jofre
Rafa Domínguez e Ignacio Pérez Jofre / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra inaugura este venres a exposición "Pinturas negras", unha mostra composta por obras de trece artistas que exercen a docencia ou se graduaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Eles son Acacia Ojea, Alejandra Pardo, Araceli Liste, Erik Balbuena, Fernando Casás, Fruela Alonso, Juan Loeck, Juan Rivas, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa.

As obras que se exhiben nesta esposición teñen como eixo cor negra e todas as súas posibilidades formais e simbólicas, tomando como referencia a coñecida serie de Goya.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado de Ignacio Pérez Jofre, que comparte o comisariado da mostra con Sandra MG, ofreceron unha visita a esta mostra que se poderá ver no Edificio Castelao ata o 6 de abril.

Nela hai pezas de xéneros moi diversos, que van do debuxo e a pintura á arte sonora, pasando polas instalacións e a escultura.

Rafa Domínguez destacou a "grande calidade artística" de "Pinturas negras" que, segundo sinalou, segue a estela doutras exposicións anteriores, como ‘De mestras e mestrados’, ‘Campo de sementes I’, ‘Campo de sementes II’ e ‘Pregar a pintura’, para amosar o traballo de artistas docentes ou que se graduaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Os comisarios desta mostra explicaron que "Pinturas negras" conecta cunha tradición da pintura española e galega dun uso dramático e expresivo da escuridade.

É unha maneira de afirmar que a arte contemporánea, aínda que ten a súa propia linguaxe, tamén procede dunha historia moi longa representada por artistas como Goya, Gutiérrez Solana, Saura ou Maruja Mallo como exemplos de referentes cos que dialogan algunhas destas obras.