Na mañá deste martes 4 de febreiro, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, presentaron a programación para este 2025.
Esta iniciativa ofrece un enfoque centrado na propia cidade como figura fundamental. Esta actúa como nexo en catro mostras que resaltan a arte pontevedresa.
A primeira exposición é a ‘Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’, comisariada polo ex director da entidade Xosé Carlos Valle Pérez. Esta comeza no mes de marzo estendéndose ata abril.
A mostra fai un percorrido polos cen anos de historia da música coral galega, destacando os panos pintados por Castelao para estas representacións.
A directora do Museo resaltou que “son tan grandes que non se poden exhibir nas salas, pero si teremos reproducións que servirán para achegarnos a estas obras tan singulares dentro da súa produción”.

No outono terá lugar a exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’.
A mostra é un achegamento á obra dos fotógrafos pontevedreses, ben profesionais ben afeccionados da época. Expoñeranse imaxes inéditas co afán de poñer en foco o valor patrimonial deste medio.
No último trimestre abrirán as exhibicións adicadas a creadores da contorna: unha retrospectiva do pintor Leopoldo Varela e outra sobre a vida do dramaturgo pontevedrés José Ruibal.
Varela, pintor do Porriño, fixo da cor o seu instrumento básico, sen importarlle o seu vínculo coa realidade. Por outra banda, Ruibal foi un escritor con eco internacional xa que foi un dos representantes do teatro de vangarda en España e con gran sona nos Estados Unidos.