Futuros escritores terán a oportunidade de "deconstruirse" no Obradoiro de Creación Literaria

Pontevedra
02 de febreiro 2017

O presidente da Asociacion de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca a participación de Pontevedra no devir da literatura galega e a súa implicación coa cultura á vez que pon en relevancia o papel da muller na actualidade literaria

De esquerda a dereita: Eli Ríos, a concelleira Anxos Riveiro e Cesáreo Sánchez Iglesias
De esquerda a dereita: Eli Ríos, a concelleira Anxos Riveiro e Cesáreo Sánchez Iglesias

Aqueles que aspiren a desenvolver a súa faceta máis creativa están de parabéns. O Concello de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organizará a partir do sábado 11 de febreiro un taller de creación literaria a cargo das escritoras Eli Ríos e María Reimóndez.

As actividades centraranse na literatura infantil e xuvenil, dous campos onde as autoras galegas teñen experiencia e aproveitarán para inculcar a importancia da muller e, en xeral, o feminismo na literatura galega como "elemento transformador do pensamento humano"; segundo as palabras de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

A muller na literatura é un punto importante no programa do taller xa que un dos obxectivos de Eli Ríos é "aprender a deconstruir as realidades impostas ou tradicionais que nos foron dadas todo este tempo" e as futuras xeracións son clave para esa ruptura.

O taller terá lugar no Pazo da Cultura cada sábado para partir do 11 de febreiro. As prazas serán limitadas e só 25 futuros escritores, maiores de 16 anos, terán a oportunidade de participar nestas clases, ás que poderán inscribirse gratuitamente dende o xoves 2 de febreiro a través do mail [email protected].