Gala final de Cantos na Maré: sumando culturas e sentimentos

Pontevedra
15 de outubro 2018

O compositor vasco Kepa Junkera liderou o espectáculo final do Festival no Pazo da Cultura coa participación de numerosos artistas dentro do proxecto Ath-Thurdá. Ao longo dos últimos catro días, máis de 20 músicos internacionais participaron neste evento

Gala final de Cantos na Maré 2018 Diego Torrado

Cantos na Maré chegou ao seu final cunha gala na que participaron numerosos artistas como Kepa Junkera, Beatriz Nunes, Carlos Menezes, Celina da Piedade e Antonio Bexiga, aos que se sumaron a directora musical do Festival, Uxía, e varios dos intérpretes que subiron ao escenario durante os últimos días como Chico César, Selma Uamusse, Paulo Borges ou Tanxugueiras.

O concerto serviu para reivindicar a suma de pobos, de culturas, de talentos e de lusofonías. Os artistas interpretaron varios temas de maneira conxunta no auditorio do Pazo da Cultura e non faltou a interpretación do himno de Cantos na Maré e a homenaxe a Narf, o músico galego falecido en 2016 que foi un dos protagonistas durante os primeiros anos deste Festival Internacional da Lusofonía

Nesta última xornada, o gaiteiro Suso Vaamonde e a Banda de Música de Pontevedra ofreceron un interesante recital de temas tradicionais no Teatro Principal.