O Galegote une xeracións e estilos na súa volta a Pontevedra

Pontevedra
26 de abril 2026

O festival ofreceu unha programación diversa, capaz de percorrer distintos estilos e sensibilidades, reflectindo a riqueza creativa actual

Duendeneta Dilleis

A música en galego volveu soar con forza este sábado en Pontevedra grazas a unha nova edición do Galegote, un festival que, tras unha breve pausa, regresou recuperando a súa esencia nun momento especialmente fértil para a escena musical do país.

A cita apostou este ano por tender pontes entre artistas locais e propostas chegadas doutros puntos, mesturando nomes consolidados con talentos emerxentes.

O resultado foi unha programación diversa, capaz de percorrer distintos estilos e sensibilidades, reflectindo a riqueza creativa actual.

Máis alá de ser un simple escaparate, o Galegote continúa a ser unha plataforma importante para que novas bandas comecen a abrirse camiño antes de dar o salto a eventos de maior dimensión.

Durante a fin de semana, o público puido descubrir propostas urbanas como as do compostelán Kid Mount, unha das voces máis prometedoras do momento, ou Montedapena.

O cartel tamén deixou espazo para sons indie, rock e pop, con actuacións de grupos como Michu da Rocha, Portosanto —proxecto que recupera a esencia de O Aolá—, Chicharrón, Dogo, Law e Flip Corale.

A oferta completouse con formatos máis íntimos e de corte tradicional como o concerto acústico de Eladio y los Seres Queridos, as influencias blues e jazz de Allada, e a viaxe musical proposta por Duendeneta Dilleis, que percorreu a música galega desde os anos 50 ata hoxe.

O Galegote encheu de música a cidade    PontevedraViva

Un dos sinais de identidade do festival foi, unha vez máis, o seu formato itinerante.

Os concertos repartíronse por distintos locais e espazos da cidade, favorecendo unha relación máis próxima entre artistas e público.

Establecementos como A Gramola, O Diaño, La Verbena, A Pomada, O Chato, A Nasa ou o Campiño de Santa María convertéronse en escenarios dunha fin de semana marcada pola celebración da música en galego.