Galicia presume das '51 páxinas das nosas letras' no Sexto Edificio do Museo

Pontevedra
18 de novembro 2014

Está organizada polo Parlamento de Galicia para poñer en valor as figuras dos escritores e escritoras galegos homenaxeados durante o medio século de historia do Día das Letras Galegas

Exposición "51 páxinas das nosas letras" no Sexto Edificio do Museo
Exposición "51 páxinas das nosas letras" no Sexto Edificio do Museo / Mónica Patxot

A exposición 51 páxinas das nosas letras, organizada polo Parlamento de Galicia para poñer en valor as figuras dos escritores e escritoras galegos homenaxeados durante o medio século de historia do Día das Letras Galegas, xa se pode visitar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Inaugurouse este xoves e estará aberta ata o próximo 27 de novembro.

A exposición, inaugurada inicialmente no Parlamento de Galicia o 2 de decembro de 2013, está integrada por un perfil biográfico de cada un dos homenaxeados desde 1963, cando a Real Academia Galega, por proposta de Francisco Fernández del Riego, instaurou a celebración do Día das Letras Galegas cada 17 de maio. 

Inclúe tamén un vídeo divulgativo e cadansúa medalla (un altorrelevo en resina), obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía. Estas medallas forman parte da colección artística do Parlamento de Galicia. 

A mostra, organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia, xurdiu con vocación itinerante e xa foi exposta en  diferentes vilas e cidades galegas, ademais de na Casa de Galicia en Madrid; na sede do Comité das Rexións, en Bruxelas; e no Centro Galego de Barcelona, desde onde se trasladou a Pontevedra.