O Ghaiteiro do Piñeiro será o homenaxeado no XXVII Memorial Ricardo Portela

Pontevedra
06 de xullo 2026
Actualizado: 13:47

Natural de Aldán, en Cangas, foi o encargado de facer chegar aos nosos días dúas importantes tradicións na parroquia: a danza e os Reis de Aldán

Memorial Ricardo Portela
Memorial Ricardo Portela / Cristina Saiz

O Memorial Ricardo Portela non faltará á súa cita coas Festas de Verán de Pontevedra. Será entre os días 10 e 12 de xullo, como sempre na Praza da Ferrería.

Nesta ocasión, chegando á súa vixesimo sétima edición, o homenaxeado será José Fernández Canosa, o coñecido como Ghaiteiro do Piñeiro.

Falecido hai apenas un ano, foi un gaiteiro que estivo en activo case medio século. Natural de Aldán, en Cangas, foi o encargado de facer chegar aos nosos días dúas importantes tradicións na parroquia: a danza e os Reis de Aldán.

A súa homenaxe neste Memorial Ricardo Portela será o sábado 11, ás 21:00 horas.

A continuación haberá un concerto de Cantares do Brión.

Airiños de Carril, Os Enxebres de Cacheiras, Picuíña e Os Picurruchos, pola súa banda, protagonizarán os pasacalles e as actuacións nas prazas da cidade.

O memorial abrirá o día anterior coa tradicional mostra de artesáns de instrumentos tradicionais e cos pasacalles de Cantigas e Frores, Herba Grileira e Par de Par.

O concerto do venres 10, pola súa banda, ofrecerao Acordeireta.

Xa o domingo 12, a clausura correrá a cargo do concerto de Zarandela.

Estará precedido por pasacalles e actuacións que, neste último día, ofrecerán Boudebou, Faíscas de Solobeira, Gaiteiros das Rías Baixas e Os Folieiros.