Gonzalo Sellés ofrece a desviación da "Lógica temporal" na sala de exposicións da Xunta

Pontevedra
08 de maio 2015

A sala de exposición do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle dende xoves 7 e ata o 28 de maio, unha exposición con obras do artista vigués Gonzalo Sellés Lenard, licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Exposición de Gonzalo Sellés Lenard
Exposición de Gonzalo Sellés Lenard / Daniel Santomé

O concepto de desviación a partir dun motivo dado configura a base da mostra do artista Gonzalo Sellés Lenard que dende este xoves 7 ata o 28 de maio se pode visitar na sala de exposicións do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo.

Licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e diplomado na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais da cidade na especialidade de pintura, o artista mostra nos seus traballos desta exposición denominada 'Lógica temporal' como os seus estudos influíron na súa traxectoria creativa.

Gonzalo Sellés ofrece nos seus traballos a evolución dun modelo a partir dunha idea xerando unha obra distinta buscando a participación do espectador. Desta forma, unha parte chega a construír unha nova parte doutra figura.

A exposición permanecerá aberta ata o 28 de maio en horario de 9 a 14.00 horas de luns a sábado.