Gran éxito de público na praza de Santa María no concerto da bandas xuvenís de Salcedo e de Ribadumia

Pontevedra
12 de xullo 2022

Un man a man coa Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia serviu de marco para o debut de novos músicos procedentes da Escola de Música de Salcedo

Concerto da Banda Xuvenil de Salcedo
Concerto da Banda Xuvenil de Salcedo / Asociación Músico-Cultural San Martiño

Un concerto protagonizado pola Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e a Banda Xuvenil de Salcedo, como anfitriona, foi o marco escollido para abrir o XV Ciclo Musical BMS mediante o que se levará o son da música de bandas ás prazas de Pontevedra.

A Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia escolleu para esta ocasión un repertorio musical no que salienta o pasodobre Enrique López, de Simón Couceiro; Odilia, de Jacob de Haan ou Viva la Vida, de Coldplay, ata pechar a súa actuación coa popular peza de A Rianxeira.

Na súa quenda, a Banda Xuvenil de Salcedo deleitou ao público asistente con pezas tan coñecidas como The Magnificient Seven, de Elmer Bernstein; 3 Days, de Patrick Verhaegen ou The Lion King, de Hans Zimmer coa que o público máis novo se sentiu plenamente identificado, acompañando á agrupación coas palmas.

Ao remate deste acto de irmandamento musical, a Banda Xuvenil fixo entrega dunha metopa conmemorativa do evento a dúas representantes da Agrupación ribadumiense.

A Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia naceu no ano 2008 con alumnos da Escola de Música do Concello de Ribadumia, e ten participado desde a súa fundación en numerosos festivais como os de Moaña, Silleda, Tenorio, Santa Cruz de Ribadulla ou Salcedo.

Ten participado tamén no Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís que se realizou na Cidade da Cultura ou no Certame de Bandas que organiza a Federación Galega de Bandas na súa categoría.

Pola súa banda, no curso escolar 2004-2005 nace a Banda Xuvenil de Salcedo por iniciativa da Asociación Músico-Cultural San Martiño como paso previo do alumnado da Escola de Música de Salcedo a formar parte de Banda de Música. A súa presentación oficial levouse a cabo na Praza do Teucro, e desde os seus comezos foi partícipe de numerosos concertos didácticos no ámbito municipal de Pontevedra, así como intercambios con outras bandas.

A Banda Xuvenil de Salcedo está dirixida por Alfredo Sánchez Seara baixo cuxa batuta a agrupación realizou numerosos concertos temáticos e continúa con seu crecemento artístico.

PRÓXIMAS CITAS DO CICLO

O sábado 16 tomará o relevo a Banda de Música de Salcedo que, xunto coa Banda de Música Unión de Lantaño, protagonizarán unha velada musical a partir das 20:30 horas na Praza de Santa María. 

Pechará o ciclo a Coral Polifónica de Salcedo, o domingo 17 de xullo, nun recital que terá lugar ás 20:30 horas na Casa Verde de Salcedo no que tamén intervirán a Coral Polifónica O Son dos Cantares de Mos e a Coral Voces Amigas de Moraña, que porán o broche final a este Ciclo Musical BMS.