A concellería de Igualdade do Concello do Grove anuncia a décimo cuarta edición do concurso de fotografía enmarcado nas actividades conmemorativas do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.
Esta iniciativa, xa consolidada no calendario cultural e social do municipio, busca visibilizar o papel das mulleres en distintos ámbitos da vida, como o social, laboral, político, artístico, creativo ou de lecer.
O certame está dirixido tanto a persoas profesionais como afeccionadas, maiores de idade, que poidan presentar un máximo de tres fotografías en formato dixital.
As imaxes, que deben ser orixinais e non ter sido premiadas noutros concursos, poderán ser enviadas en cor ou en branco e negro, tanto en formato horizontal como vertical.
Para participar, as persoas interesadas deberán enviar as súas obras ao enderezo electrónico [email protected] acompañadas da folla de inscrición, unha declaración de responsabilidade asinada e unha copia do DNI.
O prazo de inscrición estará aberto desde o 3 de febreiro, data de publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), ata o 25 de febreiro, incluído.
As bases figuran na páxina web do Concello do Grove.
Un xurado formado por membros do Consello Local de Igualdade e por profesionais do ámbito da arte e a fotografía será o encargado de seleccionar as obras gañadoras.
O primeiro premio está dotado con 350 euros, o segundo con 250 e o terceiro con 150 euros.
Ademais, a fotografía gañadora será a imaxe central da campaña do Día Internacional das Mulleres no Grove e as vinte mellores fotografías formarán parte dunha exposición que se organizará no municipio.
Os nomes das persoas premiadas faranse públicos o 8 de marzo na páxina web do Concello do Grove, nun acto que servirá para celebrar o talento e a creatividade das mulleres.