Guadi Galego inaugura as matinés do Principal

Pontevedra
06 de abril 2018

Cun concerto cargado de sorpresas. Así promete ser o arranque do ciclo As Matinés do Principal, que comezará este sábado 7 de abril en Pontevedra coa actuación de Guadi Galego, unha das referencias da música galega actual

Guadi Galego nun dos seus concertos
Guadi Galego nun dos seus concertos

Cun concerto cargado de sorpresas. Así promete ser o arranque do ciclo As Matinés do Principal, que comezará este sábado 7 de abril en Pontevedra coa actuación de Guadi Galego, unha das referencias da música galega actual.

A partir das 12.30 horas, o público pontevedrés poderá gozar do fin de xira de Guadi Galego, no que a artista fará balance do seu terceiro disco en solitario, O mundo está parado, editado hai un ano.

Farao acompañada do cuarteto de corda e o trío de vento que lle dan esa sonoridade incrible a este traballo discográfico, que foi merecedor do premio da crítica en Galicia.

O mundo está parado está composto por dez temas que contan con letras que viaxan do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade ou a coherencia.

Os seus directos, lembran desde a promotora, teñen unha sonoridade envolvente con aroma pop, entre a tradición e a vangarda, que alcanza a súa madurez con este último traballo.