A que, probablemente, é unha das voces máis singulares do panorama musical nacional, a de Guitarricadelafuente, soará este verán en Sanxenxo.
O artista valenciano, que acaba de editar Spanish Leather, o seu segundo disco, actuará o sábado 16 de agosto no festival Costa Feira.
Con este novo traballo musical, Guitarricadelafuente consolidouse como referente dunha nova xeración de artistas que reimaxina a tradición desde a autenticidade e a emoción contemporánea.
Tras o éxito do seu debut, Álvaro Lafuente atópase nun momento clave da súa carreira e está a xerar un notable interese máis aló das nosas fronteiras.
A súa música, en constante tensión entre o antigo e o novo, o local e o universal, entrelaza raíces do folk ibérico e latinoamericano co pop moderno. Todo iso conflúe nunha proposta artística profundamente persoal, honesta e sen concesións.
O seu concerto en Sanxenxo, segundo os responsables do festival, será unha oportunidade única para experimentar esa mestura de sensualidade e vulnerabilidade que define o seu son, así como a narrativa emocional e visual que atravesa as súas cancións.
Será ademáis unha celebración da viaxe artística de Guitarricadelafuente, e un encontro cun público cada vez máis amplo, que atopa nas súas letras e melodías un reflexo honesto dos anhelos, contradicións e procuras de toda unha xeración.
As entradas para este concerto xa están á venda.
Guitarricadelafuente súmase ás citas que xa se anunciaron: Leiva (2 de agosto), Don Patricio (8 de agosto), Manuel Carrasco (9 de agosto), Gordo (14 de agosto), Café Quijano (15 de agosto), Camilo (19 de agosto) e Los Secretos (23 de agosto).