Gustavo Almeida debuta na Semana Grande das Festas da Peregrina cun emotivo concerto

Pontevedra
18 de agosto 2017

O cantautor ofrecía un recital na Praza da Ferrería durante este xoves acompañado polo pianista pontevedrés Gabriel Peso e polo ex integrante de Presuntos Implicados, Nacho Mañó

Concerto de Gustavo Almeida nas Festas da Peregrina 2017
Concerto de Gustavo Almeida nas Festas da Peregrina 2017 / Diego Torrado

Gustavo Almeida tivo que enfrontarse á dificultade de subirse a un escenario cando aínda se estaba facendo reconto en Barcelona do número de vítimas do atentado terrorista e ofreceu un concerto cheo de sentimento e de agarimo.

O cantautor brasileiro que leva anos residindo en Pontevedra ofrecía os temas do seu último traballo e o mellor dos seus anteriores discos desde o escenario da Praza da Ferrería, acompañado por dous músicos excepcionais, o pianista pontevedrés Gabriel Peso e o ex integrante de Presuntos Implicados, Nacho Mañó.

O público volveu ocupar todos os asentos instalados no recinto e numerosas persoas seguiron as cancións de Almeida desde distintos puntos da contorna da praza. Tratábase da primeira actuación do cantante na Semana Grande das Festas da Peregrina.

Esta noite, o escenario da Ferrería acollerá a partir das 22.30 horas o recital de Guadí Galego e de Xabier Díaz, acompañado por Adufeiras de Salitre.