A iniciativa solidaria da asociación Música en Vena achegouse de novo á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés coa voz e os acordes da guitarra de Gustavo Almeida.
O cantante de orixe brasileira amenizou as estadías dos doentes do Hospital de Día e a área de Consultas Externas do Hospital Montecelo en sendos micro concertos celebrados este venres.
Acompañando as actuacións solidarias de Gustavo Almeida estiveron responsables da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, quenes salientaron o importante labor humanizadora de Música en Vena para cos usuarios e os profesionais asistenciais.
Música en Vena é unha asociación sen ánimo de lucro adicada a humanizar as contornas sanitarias a través da música en directo, mellorando as estadías hospitalarias de doentes, familiares e persoal sanitario.
Así mesmo, foméntase o uso da música con fins terapéuticos a través da educación, a investigación, o emprego e o voluntariado nunha iniciativa na que xa teñen colaborado artistas coma Carlos Núñez, Los Secretos, José Mercé, Rosario Flores ou a Orquesta Sinfónica de Madrid.
Esta entidade comezou a súa actividade hai máis dunha década en varios hospitais da Comunidade de Madrid, a través dun convenio do Servizo Madrileño de Saúde, tras o que continuou a súa expansión en Cataluña tras asinar outro convenio co Institut Català de la Salut.
Nese tempo, celebráronse máis de 10.000 micro concertos en planta, hospitais de día e auditorios de hospitais, coa participación de máis de 20.000 músicos voluntarios de distintos xéneros, co que beneficiaron a máis dun millón de doentes.
En marzo de 2024, Música en Vena comezou a súa andaina en Galicia da man do patrocinio da Fundación Luckia, ofrecendo concertos solidarios en diferentes plantas e centros hospitalarios da comunidade autónoma galega.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.