A nova xira ‘Tour España 2025’ da estrela internacional Juan Luis Guerra fará unha parada en Galicia este mes de xullo no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia.
O rei da bachata visitará a Praza do Mar de Sanxenxo, o sábado 19 de xullo, ás 21.30 horas.
Así foi presentado este xoves en rolda de prensa da man do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles e o alcalde, Telmo Martín.
Óscar Fraga "Virvi", un dos responsables de este evento, agarda que asistan ao concerto unhas 15.000 persoas, "a expectación é increíble", e habilitarán un servizo de buses lanzadera á entrada e saída do espectáculo que unirán o polígono de Nantes coa rotonda da Terraza, na rúa Progreso.
Xosé Merelles destacou a "oportunidade de ver de novo en Galicia a un artista de renome mundial como Juan Luis Guerra, con máis de catro décadas de traxectoria ás súas costas e milleiros de seguidores de todas partes do mundo que abranguen diferentes xeracións é todo un luxo para a nosa comunidade".

Juan Luis Guerra, nado o 7 de xuño de 1957 en Santo Domingo, na República Dominicana, é un destacado cantante, compositor e produtor musical.
A súa influencia na música latina e caribeña fan del unha figura icónica e respectada da escena musical internacional.
Guerra comezou a súa carreira musical a unha idade moi nova, estudando música na Universidade Autónoma de Santo Domingo e, máis tarde, no Berklee College of Music en Boston. A súa formación musical diversa permitiulle fusionar unha variedade de xéneros, que inclúen merengue, bachata, salsa, jazz e música folklórica dominicana, dando lugar a un son único e fresco.
En 1984, fundou a banda Juan Luis Guerra y 4.40. O seu álbum debut, Soplando, marcou o inicio dunha carreira que incluiría numerosos éxitos ao longo de máis de catro décadas. Un dos momentos máis destacados da súa carreira foi o lanzamento do seu álbum Bachata Rosa en 1990. Este traballo, que inclúe éxitos como Burbujas de amor e Estrellitas y duendes, consolidou a súa posición como líder no xénero da bachata e valeulle numerosos premios, incluíndo varios Grammy.