A historia de Nevenka Fernández emociona no ciclo Ponteatro

Pontevedra
31 de outubro 2025
Actualizado: 8:25

O Teatro Principal acolleu este xoves a representación de Histrión Teatro sobre o primeiro caso de acoso sexual contra un político en España

Ponteatro: "Nevenka" Cristina Saiz

O Teatro Principal de Pontevedra foi escenario este xoves 30 de outubro da obra "Nevenka", presentada dentro do ciclo Ponteatro a cargo da compañía Histrión Teatro.

O público asistente reviviu un episodio importante na historia recente de España: o primeiro xuízo por acoso sexual que sentou no banco de acusados a un alcalde, o entón rexedor de Ponferrada, Ismael Álvarez.

A obra pon o foco en Nevenka Fernández, quen en 2001 logrou unha condena xudicial pioneira que marcou un antes e un despois na percepción social das vítimas de acoso, aínda que a estigmatización pública e as dificultades persoais acompañaron a súa vitoria legal durante anos.

Cunha posta en escena intensa e emotiva, a montaxe reflicte non só o sufrimento e a coraxe de Nevenka, senón tamén a transformación da sociedade española fronte á violencia machista.

Dirixida e escrita por María Goiricelaya, a obra está interpretada por Gema Matarranz, Ales Furundarena e Ana Ibáñez.

"Nevenka" convida o público a mirar o pasado, a sinalar as feridas e os avances, e a preguntarse canto cambiou a sociedade realmente durante as últimas décadas.

O caso, convertido en símbolo do movemento feminista, permanece como espello das mulleres que loitaron por defender os seus dereitos, remarcando a importancia de escoitar e apoiar ás vítimas.