A programación cultural continúa en Cuntis esta fin de semana coa inauguración da exposición "Aquantiqua", un híbrido entre escultura e pintura da man dos artistas composteláns Nolo Suárez (pintor) e Nando Pereiro (escultor), ambos namorados das paisaxes, rutas e historia do municipio cuntiense e ao que queren render homenaxe cunha selección de 21 obras.
A inauguración da exposición, á que asistirá o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e parte do grupo de goberno, terá lugar este sábado na sala de exposicións da casa de cultura Roberto Blanco Torres, ás 12 da mañán. A mostra, da que se poden adquirir pezas, permanecerá aberta ao público ata finais de setembro.
Nove pezas escultóricas e 12 traballos pictóricos dan forma a unha mostra creadas por ambos artistas en exclusividade para Cuntis e centrada no pasado, na historia, na auga e no termalismo. Aspectos que definen a esencia de Cuntis e que os artífices da mostra plasmaron con técnicas figurativas e contemporáneas, con inspiracións abstractas pero de fácil comprensión.
Nando Pereiro, escultor, relata con ilusión que hai dez anos da última exposición conxunta con Nolo Suárez e confía en que a escolla de traballos para retomar esta colaboración en Cuntis sexa do agrado do público. "Coñecemos Cuntis polas rutas de sendeirismo, pola súa singularidade natural, polo seu valor histórico e por eso escollemos a sala Blanco Torres, adicada a unha persoaxe senlleira, para o noso reencontro expositivo".
Nando Pereiro aposta por materiais que adquire no entorno de Cuntis, sobre todo granito, que vai moldeando ata rematar o seu traballo. En Cuntis o público poderá disfrutar de "Petroglífica II", "Antergolandino", "Burgamante" ou "Fontecóvida", traballos que buscan transmitir emocións e poñer en valor a riqueza arqueolóxica cuntiense.
Nolo Suárez pola súa parte apostou por cadros vencellados á auga. "Augas diversas", "balneario", "Baixan as augas", "Sons das augas" ou "As fontes deben ser públicas" son algunhas das obras que conforman a mostra conxunta e que evocan o binomio Cuntis-termalismo.
"O traballo de Nolo é poesía convertida en pintura. Fai acougar a alma". Así define Nando Pereira a producción do seu compañeiro de exposición á vez que convida aos veciños da contorna a achegar á Cuntis e gozar de "Aquantiqua". "Presentamos unha colección aberta ás interpretacións; verán materiais coñecidos pero cun formato actual e sobre todo, o público terá un momento de relax, de disfrute", conclúe o artista.