Cunha comedia chea de humor negro e que virou ao redor de temas tan candentes como o racismo e o machismo. Así se despediu unha nova edición do ciclo Ponteatro.
Tras seis espectáculos, que o público pontevedrés puido ver ao longo dos últimos meses, Entrega en man, da compañía Contraproducións, foi a encargada de baixar o pano.
Centos de persoas gozaron no Teatro Principal desta obra, protagonizada polos actores Evaristo Calvo, María Roja, Santi Romay e Diogo Sales.
Entrega en man, que Cándido Pazó versionou do dramaturgo británico Martin McDonagh, está ambientada nunha habitación en ruínas dun hotel de mala morte situado nun anónimo pobo americano.
Alí, un excéntrico e agresivo supremacista branco ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle foi cortada cando era adolescente nun acto de violencia sen sentido.
Un mozo negro e a súa noiva branca pretenden enganalo ofrecéndolle unha man roubada dun museo e que, polo escura que é, non parece ser súa.
Pero o recepcionista do hotel, un tipo excéntrico e un tanto surrealista, intervén en tan insólita transacción e pon en risco toda a operación.
Por esta edición de Ponteatro pasaron os espectáculos Desexo, de Talía Teatro; O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de ButacaZero; Noso, de Os Náufragos; Terceiro acto, do Centro Dramático Galego; e O dragón de ouro, de Sarabela Teatro.