Inaugurada en Carballedo unha mostra de Miguelanxo Prado con ilustracións para o libro 'Os animais de Fraguas'

Cerdedo Cotobade
25 de xuño 2024

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e a presidenta da Fundación Antonio Fraguas inauguraban esta exposición que permanecerá aberta de luns a venres. Será visitable en horario de 10.00 a 13.30 horas, previa solicitude de acceso na Casa Consistorial

Inauguración da mostra de ilustracións de Miguelanxo Prado sobre 'Os animais de Fraguas' Concello de Cerdedo-Cotobade

Este martes 25 de xuño inaugurábase a mostra de ilustracións do autor Miguelanxo Prado, creadas para o libro 'Os animais de Fraguas'.

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, e Concha Losada, presidenta do Padroado da Fundación Antonio Fraguas, presidían o acto inaugural desta exposición que se atopa no Centro Cultural Antonio Fraguas.

Representantes da corporación municipal e do Padroado acudían a este acto e aproveitaban para celebrar un encontro de traballo no Centro Cultural de Carballedo.

Rosa Méndez García, patroa do Museo do Pobo Galego e responsable da Biblioteca, foi a promotora de 'Os animais de Fraguas'. A idea xurdía ao catalogar o enorme legado do intelectual galego ao que se dedicou o Día das Letras Galegas de 2019.

Durante estes traballos descubriu uns manuscritos que contiñan interesantes anotacións describindo algunhas crenzas populares ao redor de diversos animais. 

Desta forma, o ilustrador Miguelanxo Prado encargouse de realizar un diálogo entre o texto de Antonio Fraguas e unhas imaxes que recollen esa cultura tradicional galega.

A mostra permanecerá aberta en horario de 10.00 a 13.30 horas e as persoas interesadas deberán solicitar o acceso nas oficinas da casa do concello.

Por outra banda, o Padroado da Fundación Antonio Fraguas, durante a reunión mantida este martes, avanzou que seguirá reivindicando a figura do intelectual Antonio Fraguas Fraguas para poñer en valor e divulgar o seu legado cultural.