Inaugúrase ‘Camiño. O camiño e as artes’ con obras de trinta artistas de Galicia e Portugal

Pontevedra
22 de xaneiro 2022

O Museo de Pontevedra inauguraba este venres 21 de xaneiro no claustro do Edificio Sarmiento a exposición ‘Camiños. O Camiño e as Artes’, unha mostra promovida pola Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago que reúne a visión de máis dunha trintena de creadoras e creadores de Galicia e Portugal

Inauguración da exposición ‘Camiño. O camiño e as artes’
Inauguración da exposición ‘Camiño. O camiño e as artes’ / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra inauguraba este venres 21 de xaneiro no claustro do Edificio Sarmiento a exposición ‘Camiños. O Camiño e as Artes’, unha mostra colectiva e multidisciplinar promovida pola Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, que reúne a visión de máis dunha trintena de creadoras e creadores de Galicia e Portugal sobre un fenómeno de carácter internacional como é a peregrinación a Santiago de Compostela.

Na inauguración estiveron presentes o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey; o comisario da Exposición Celestino Lores; a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra Marta Iglesias; e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. O acto comezou coa interpretación dunha canción a capela a cargo da cantante Begoña Lorenzo, á que seguiu unha exhibición de danza de Glau Fonseca. Recitaron poesía Ana Corzo, Carmen Quinteiro e Minerva. César Loureiro interpretou varias pezas musicais cunha zanfona.

Segundo explicou o director do Museo. ‘Camiños. O Camiño e as Artes’ é unha exposición que deixa patente un dos principais valores das rutas xacobeas máis alá da súa innegable dimensión espiritual: "A cohesión entre culturas, por riba das fronteiras xeográficas e políticas, constitúe sen lugar a dúbidas unha das súas maiores riquezas".

Así mesmo, agradeceu á Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, e a o seu presidente e comisario desta exposición Tino Lores, o labor que desenvolve desde hai 27 anos para preservar e impulsar a grandeza do itinerario, exemplo do patrimonio cultural, tanto material como inmaterial.  

Pola súa banda, Tino Lores tamén agradeceu ao Museo e á Deputación a cesión do espazo do Edificio Sarmiento para expoñer a mostra, que nesta ocasión cumpre once anos. Lores explicou que a exposición é multidisciplinar "porque o Camiño é todo, está por riba de todos, tanto de ideoloxías, cultura, deporte ou espiritualidade. É un conxunto, unión, é algo máis que un espazo físico".  O comisario tamén sinalou a idoneidade de que a mostra estea exposta no claustro dun mosteiro como o Edificio Sarmiento: "Que mellor lugar para expoñer que un claustro de mosteiro como os que acollen as e os peregrinos!".

A exposición estará aberta no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra ata o 21 de marzo e está previsto que ata entón se desenvolvan varias actividades complementarias: dous concertos, un recital de poesía, a presentación do catálogo e unha exhibición de danza. A continuación, a mostra irá a Barcelos, Ponte de Lima e Lisboa de maneira itinerante.