O Incode Fest volve a Pontevedra mesturando rock, punk e electrónica na Alameda

Pontevedra
09 de maio 2026

O festival consolídase como un evento gratuíto e diferente, centrado na diversidade e o talento emerxente. Como novidade, recupera as xornadas sobre música, innovación e inclusión nas artes

Incode Fest
Incode Fest / Mónica Patxot

O Incode Fest volve a Pontevedra os días 29 e 30 de maio coa súa terceira edición, consolidado xa como un festival gratuíto e diferente, centrado na inclusión, a diversidade e o talento emerxente.

Entre os nomes máis destacados figuran Mercedes Peón, co seu proxecto 'Déixaas' xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut; o dúo catalán experimental e a banda de punk inglesa Shooting Daggers.

O cartel complétano artistas emerxentes galegos como Jade 4, Rager, Pablo e os Ciervos Dorados, Faul e Unamoto, que pechan a cita cunha proposta marcada pola mestura de sons electrónicos, experimentais, rock e punk.

Tamén volverán ter protagonismo as escolas de música con Gaia, Musicanda, Banda de Salcedo, Redobra e Estudo Bonobo, así como as bandas do Local de Música de Pontevedra, Femme Fatale e Basta!.

A programación complétana unha formación da Escola de Rock de Paredes de Coura, en Portugal, e o proxecto 'Voces Ocultas', centrado na diversidade funcional.

Haberá tamén unha colaboración entre a Sinfónica Xuvenil de Pontevedra, a Banda de Salcedo e alumnado de Estudo Bonobo, que reinterpretarán o álbum 'For the First Time' de Black Country New Road.

Como novidade, o festival recupera as xornadas sobre música, innovación e inclusión nas artes, que se celebrarán o 23 de maio na Casa da Luz.

Durante as dúas xornadas haberá zonas de descanso, postos de comida e actividades pensadas para todos os públicos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora