PODCAST. Inma Rubiales: "Hai moito prexuízo en xeral cara a todo o que gusta ás mozas adolescentes"

Pontevedra
05 de xuño 2026

A exitosa autora de romance xuvenil acaba de reeditar a súa primeira novela, 'Un amigo gratis', nunha versión reescrita e actualizada

Inma Rubiales, exitosa escritora de romance xuvenil
Inma Rubiales, exitosa escritora de romance xuvenil / Javier Ocaña

Convertida nunha escritora de éxito entre o público máis novo, Inma Rubiales vén de porse diante da súa adolescencia outra vez.

Con catorce anos deu forma a 'Un amigo gratis' que publicou en internet. Cinco anos despois recibiu a chamada dunha editorial para pasar aquela novela ao papel. E ao ano seguinte un dos grandes grupos do sector incluíuna na súa nómina de autores.

Desde entón, a autora estremeña é unha referencia, dentro e fóra de España, no romance xuvenil. Acaba de publicar, de novo, 'Un amigo gratis', reescrito e actualizado. Aos seus vinte e catro anos reencontrouse coa Inma Rubiales de hai unha década.

Que estaba a pasar na vida daquela adolescente?, "estaba a pasalo bastante mal no instituto por mor dunha situación moi similar á que vive o protagonista masculino no libro. Para min a escritura era fuxir un pouco do mundo real, meterme nun mundo de ficción onde eu podía desenvolver os meus sentimentos, poñer palabras a todo o que me estaba doendo", explica Inma no podcast 'Cara a cara'.

Así, o reencontro con aquelas páxinas foi agridoce: "moi bonito e ao mesmo tempo un pouco cru reencontrarme con esa nena que era tan insegura, tan tímida que quería ser invisible. Tiña este obxectivo de ser escritora e que a xente me lea... e darme conta de canto cambiei en dez anos...".

'Un amigo gratis' ten como protagonistas a un mozo de 17 anos, Nash, "introvertido, con baixa autoestima e profundamente inseguro" e a Eleanor, da mesma idade, "optimista, idealista, sempre riseira' e presidenta da asociación Un Amigo Gratis. Coñecerse leva ao previsible, namorarse.

Nesta edición actualizada, o que fixo é "como coller unha pedra que xa estaba feita e tallala para que quede todo o perfecta que na miña opinión tiña que quedar".

Un dos temas que nas versións previas aparecía de esguello é o bullying. Agora abórdao "con máis madurez e como se merece. Pondo o foco en quen acosa e no cómplice silencioso; e en animar a esas persoas que notan algo raro na clase a dar unha man amiga, porque nunca sabes o moito que iso pode axudar a alguén".

A pesar de ser un xénero de satisfactorias vendas segue habendo miradas de desdén e Rubiales é consciente: "hai moito prexuízo en xeral cara a todo o que gusta ás mozas adolescentes".

"Pasa tamén na música, con Taylor Swift, no seu momento con Justin Bieber, One Direction... era como que esta música ten que ser mala porque se ten a hordas de adolescentes detrás... e a literatura xuvenil dalgunha maneira tamén sofre este prexuízo. Se che son sincera, tócame bastante a moral. Pero creo que como digo, seguimos demostrando cousas todos os días", engade.

Demostrando por exemplo que formou colas quilométricas en feiras do libro de Latinoamérica, "aínda non o termino de procesar, seis mil mozas entre 15 e 25 anos que viñan cos seus libros subliñados, marcados, con camisetas personalizadas, con maquillaxes personalizadas e que viven a literatura cunha paixón fascinante".