Nun escenario que funcionará con enerxía solar. Aí actuarán os artistas Iván Ferreiro e Dani Fernández e as bandas Marlon e Veintiuno. Será en El Náutico de San Vicente do Mar.
Así se anunciou no marco do 'Music feat. Energy', un evento organizado por Repsol e Warner Music que reuniu en Madrid a profesionais do sector para dialogar sobre a evolución da música en directo.
A alianza de Repsol e El Náutico permitirá que o establecemento conte desde este verán con enerxía de orixe cento por cento renovable e este "escenario solar".
O responsable de El Náutico, Miguel de la Cierva, mostrouse agradecido pola alianza, que vai permitir "ser un pouco máis sostible" a un lugar que, ao longo de tres décadas de vida, "captou a mirada e a xenerosidade dunha chea de artistas".
Durante a presentación desta iniciativa, o baixista de Marlon, Jorge Diéguez, cualificou de "superplacer" tocar en San Vicente, unha data que "temos marcada no calendario" porque sostivo que "é un gusto pasar alí uns días e gozar de todo o ambiente".


Dentro desta iniciativa, Repsol patrocinará tamén a xira destes artistas, que percorrerán máis de 47.000 quilómetros con combustible diésel Nexa de orixe 100% renovable.
Súmanse así a unha iniciativa impulsada pola compañía enerxética e Warner Music co obxectivo de que todos os procesos relacionados coa música, desde a produción dunha canción até unha xira, produzan a menor pegada de carbono posible.
Entre outras cuestións, haberá un programa de asesoría enerxética e subministración de enerxías de orixe cento por cento renovables para festivais e outro, xunto a institucións da industria musical, para medir a pegada de carbono na música en directo en España.
Ademais, os participantes neste programa contarán cun estudo profesional móbil que funciona con enerxía solar e que usarán para gravar unha das súas cancións favoritas da xira nun lugar simbólico para eles.
"Cada un ten que tratar de deixar a mellor pegada posible neste planeta", destacou Iván Ferreiro, que aínda non sabe onde gravará o seu tema. "Calquera punto fermoso de Galicia está ben, sobre todo para que se coñeza toda a contorna flipante que temos", afirmou.