O ciclo Urbana Monte Porreiro, que achega a Pontevedra as últimas tendencias da música urbana durante as Festas de Verán, anunciou este xoves os seus dous primeiros concertos.
Serán os que protagonizarán Jhon Pollõn (5 de agosto) e Califato 3/4 (6 de agosto), segundo avanzou o goberno municipal.
Jhon Pollõn, é un artista urbano da comarca do Bierzo que saltou á fama en 2021 cando un dos seus temas, Gallina y cocaína, fíxose viral en TikTok.
Con máis de 450.000 oíntes mensuais a través das plataformas dixitais, Pollõn -un apelido sueco que significa pole- converteuse en todo un ídolo de masas.
A súa música, que se move entre sons de urbana e trap, fará vibrar ao público pontevedrés.

Pola súa banda, Califato 3/4, un colectivo musical andaluz nado en 2018, é unha auténtica revolución sonora. Xurdido do encontro entre músicos de Sevilla e Málaga, o grupo defínese pola súa capacidade para reinventar a música andaluza desde as súas raíces ata o futuro.
Cun enfoque que abraza o flamenco, o funk, os breaks, o footwork, o hip hop, o dub e outros xéneros, a banda, que presentou o ano pasado o seu disco Êcclabô de libertá, é unha ponte entre tradición e modernidade, reivindicando sempre unha Andalucía popular e mestiza.
O seu nome, que fai referencia ao compás ternario presente en moitos paus flamencos, simboliza o seu compromiso coa experimentación musical sen fronteiras, creando un universo sonoro propio en grao sumo innovador do panorama musical actual.