Toda unha lenda viva do blues e da guitarra será o gran atractivo do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que celebrará a súa edición número 31 entre os días 4 e 8 de agosto, a véspera do inicio das Festas da Peregrina.
Trátase do guitarrista estadounidense Robben Ford, considerado todo un prodixio musical e un mestre das seis cordas. Actuará na Praza da Ferrería o venres 8 de agosto.
Con cinco candidaturas aos Grammy e unha carreira en solitario de máis de tres décadas, Ford logrou fusionar jazz e blues dun modo innovador, abríndose mesmo a moverse entre máis xéneros como só os virtuosos saben facer.
Saltou á fama en 1986 como guitarrista para Miles Davis, pero ao longo da súa traxectoria colaborou con artistas da talla de Joni Mitchell, Bob Dylan, Mavis Staples, George Harrison, Larry Carlton, Rick Springfield, Little Feat ou Kiss, entre outros.
Ao longo da súa carreira en solitario, que compaxinou coa súa presenza nas bandas L.A. Express e Yellowjackets, Ford editou 25 discos de estudo, entre eles Talk to Your Daughter (1988), co que empezou a xirar por todo o mundo co seu propio nome.
Ademais, como ávido compositor con inclinación cara á produción, adoita pasar moito tempo no estudo e traballar nunha variedade de proxectos.
Un compoñente importante e esencial da súa carreira de é tamén o seu compromiso co ensino e a transmisión do que aprendeu aos músicos actuais e futuros. A través de vídeos instrutivos e sesións de formación para artistas.
No seu concerto en Pontevedra, que será en formato cuarteto, Robben Ford estará acompañado do baixista danés Chris Minh Doky; Ricky Peterson, teclista habitual de Prince e referente do soul-jazz; e Keith Carlock, baterista que participou en xiras con Sting ou John Mayer.