Jorge Drexler e Jane Birkin actuarán no Pazo da Cultura dentro do ciclo Voices

Pontevedra
21 de decembro 2017

O cantante presentará en Pontevedra o seu último traballo discográfico, 'Salvavidas de hielo', o sábado 20 de xaneiro. A intérprete francesa ofrecerá un concerto con temas de Serge Gainsbourg o 27 de outubro de 2018 acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra   

Concerto de Jorge Drexler
Concerto de Jorge Drexler

O ciclo Voices volve en 2018 ao Pazo da Cultura. Este xoves presentábanse os concertos de Jorge Drexler e de Jane Birkin e anunciábase a celebración dun terceiro concerto dun artista sorpresa, que se desvelará a mediados de xaneiro.

Jorge Drexler actuará no auditorio do Pazo da Cultura o próximo 20 de xaneiro ás 21.00 horas. O cantante uruguaio inclúe este concerto na súa xira 'Salvavidas de xeo', no que presentará o seu último traballo discográfico, un álbum cheo de ritmo e de experimentación, cun son cálido e rítmico.

As entradas poderanse adquirir a partir das 10.00 horas deste venres 22 de decembro a través da web e do facebook do Pazo da Cultura con prezos que van, en venda anticipada, desde os 15 aos 18 euros. 

A organización ten previsto que aquelas persoas que adquiran o bono para os tres concertos do ciclo Voices poidan gozar dun encontro co coñecido músico, gañador dun Óscar, dun Goya e de dous  Grammy Latinos. Na presentación do ciclo, Carlos Montilla, responsable de I-radia, manifestaba que se desenvolverá, tras o concerto, ese faladoiro distendido na que o cantante contará anécdotas e manterá unha charla cos seus seguidores.

JANE BIRKIN, EN OUTUBRO

A cantante británica Jane Birkin ofrecerá o vindeiro outono un concerto único, polo momento, en España. Será o sábado 27 de outubro de 2018 ás 21.00 horas. Estará acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e presentará temas do seu último disco no que interpreta temas de Serge Gainsbourg, toda unha homenaxe ao compositor máis laureado de Francia e que foi esposo desta muller que conta xa con 70 anos.

Montilla e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, destacaron o impacto mundial que terá para a agrupación musical pontevedresa esta actuación cunha artista de referencia internacional. De feito, a intérprete só ten previsto ofrecer concertos en grandes capitais europeas, en Estados Unidos e Canadá. 

A organización tamén quere desenvolver algún tipo de encontro coa cantante de Je t' aime... moi non plus para as persoas que adquiran o bono. As entradas para este concerto terán un prezo entre os 25 e os 28 euros

O bono para os tres concertos (Drexler, Birkin e o dun artista sorpresa) terá un prezo de 55 euros e tamén sairá á venda este venres 22.