Jules Verne e a imaxinación ao poder en Domingos do Principal

Pontevedra
26 de outubro 2025
Actualizado: 12:52

A obra 'Verne', de Onírica Mecánica (Murcia), protagonizou a cita de Domingos do Principal este 26 de outubro

'Verne' de Onírica Mecánica en Domingos do Principal

Quen non soñou algunha vez en converterse en Jules Verne e vivir as súas aventuras.

Seguro que iso mesmo pensaron os nenos e nenas pontevedreses que acudiron este 26 de outubro a unha nova sesión de Domingos do Principal.

O ciclo de teatro familiar programaba este fin de semana a obra 'Verne', de Onírica Mecánica (Murcia).

Unha cita que convidaba a mergullarse no universo das novelas de aventuras creadas por Jules Verne e a imaxinar un futuro quimérico afastado do pesimismo actual, tal e como sinalaba a propia compañía teatral na explicación do espectáculo.

Unha oda en definitiva á imaxinación que se representaba como é habitual nun dobre pase, no Teatro Principal, ás 12.00 e ás 18.30 horas.

'Verne' de Onírica Mecánica en Domingos do PrincipalPontevedraViva

Tras esta cita Domingos do Principal tómase un respiro dunha semana, pola celebración de Todos os Santos e Defuntos, e regresará o domingo 9 de novembro.

Farao co espectáculo 'Molto Barroco, de Píscore Teatro'. Trátase dunha comedia que combina música, baile e actores cunha divertida historia dun rei que encarga unha obra para a pedida de man da súa futura raíña.

Esta peza foi seleccionada para o Certame Barroco Infantil do Teatro Clásico de Almagro en 2024.

'Verne' de Onírica Mecánica en Domingos do PrincipalPontevedraViva