Kiki Morente trae a Pontevedra a súa revolución flamenca: actuará o 22 de marzo no Principal

Pontevedra
22 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:03

O seu terceiro álbum, "Azabache", consolidou a Kiki Morente como unha das principais voces do panorama flamenco actual. O seu carisma, seguridade e talento convérteno nun artista irresistible

Kiki Morente PontevedraViva

O guitarrista e cantaor Kiki Morente, herdeiro dunha das sagas senlleiras do flamenco, actuará en Pontevedra o próximo sábado 22 de marzo.

Presentará en directo no Teatro Principal de Pontevedra, a partir das 20:30 horas, o seu terceiro traballo discográfico, un álbum titulado Azabache.

É fillo de de dúas lendas do flamenco como son o cantaor Enrique Morente e a bailaora Aurora Carbonell e irmán de dúas figuras renovadoras do xénero como Soleá e Estrella Morente, polo que o flamenco, o cante e a arte van impresos no seu ADN.

Desde ben neno, a Kiki Morente (Granada, 1989) o seu pai inculcoulle o amor pola guitarra, unha afección que o levou a cursar estudos superiores deste instrumento no Conservatorio de Juventudes Musicales de Granada.

En 2017 publicou o primeiro disco, Albayzín, e catro anos despois veu a luz El cante.

O seu terceiro álbum, Azabache, consolidou a Kiki Morente como unha das principais voces do panorama flamenco actual. O seu carisma, seguridade e talento convérteno nun artista que cativa ao público en cada unha das súas interpretacións.

A día de hoxe, o cantaor, guitarrista e compositor destaca pola súa madurez escénica e a súa habilidade para actualizar o flamenco sen perder a súa esencia.

O seu cante vén influenciado por mestres como Manuel Vallejo, Pepe Marchena, Antonio Chacón, Manuel Torre, Pepe Pinto ou El Sevillano, entre outros.

Pero ademais, Kiki Morente incorpora influencias dun amplo espectro de artistas doutros xéneros como Pat Metheny, Leonard Cohen, Cheb Khaled ou Dulce Pontes.

As entradas para este concerto xa están á venda a través da plataforma ataquilla.com.