Kohell e Jesús Merino amosan a súa traxectoria creativa no Auditorio de Vilagarcía

O Salnés
07 de outubro 2021

O debuxante de Vilagarcía Fernando Iglesias "Kohell" e o xerezano Jesús Merino son os dous ilustradores que, ata o 1 de novembro, ofrecen unha mostra das súas obras na Sala de Exposicións do Auditorio de Vilagarcía de Arousa, dentro da programación de Curtas, o Festival do Imaxinario, que se desenvolverá do 22 ao 31 de outubro

Exposición do debuxante Jesús Merino no Auditorio de Vilagarcía
Exposición do debuxante Jesús Merino no Auditorio de Vilagarcía

O debuxante de Vilagarcía Fernando Iglesias "Kohell" e o xerezano Jesús Merino son os dous ilustradores que, ata o 1 de novembro, ofrecen unha mostra das súas obras na Sala de Exposicións do Auditorio de Vilagarcía de Arousa, dentro da programación de Curtas, o Festival do Imaxinario, que se desenvolverá do 22 ao 31 de outubro.

Kohell é un dos referentes do cómic en Galicia desde que iniciou profesionalmente a súa andaina en 1987. A súa traxectoria profesional estivo vinculada a Carlos Portela coa publicación de 'Impresións da Illa' coa que obtivo tres nomeamentos no Salón do Cómic de Barcelona. Actualmente é profesor na Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Galicia O Garaxe Hermético, que dirixe Kiko da Silva en Pontevedra. Entre os seus últimos traballos destaca 'Dedalus en Compostela', unha adaptación do relato de Vicente Risco.

Jesús Merino é un debuxante coñecido polas súas obras de superheroes españois. Mantivo unha carreira sólida en Estados Unidos, primeiro como  entintador e despois como debuxante completo en editoriais como DC Cómics. Numerosos traballos desta etapa pódense ver nesta exposición.

A sala para visitar esta mostra atópase aberta de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 21.00. Os sábados pódese visitar só en horario matinal e os domingos permanece pechada.