'Kyoki' abre as propostas escénicas para Pontevedra da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Pontevedra
13 de febreiro 2025
Actualizado: 17:02

A obra de Elefante Elegante será a primeira das 11 funcións que forman parte desta rede promovida pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Pontevedra ata o mes de abril

KYOKY de Elefante Elegante
KYOKY de Elefante Elegante /

A cidade de Pontevedra acollerá ata o próximo mes de abril un total de 11 funcións de oito montaxes integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, unha iniciativa promovida e cofinanciada pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello.

Esta oferta cultural, que se desenvolverá no Teatro Principal e no Auditorio do Pazo da Cultura, inclúe oito espectáculos de teatro, música, maxia e danza, dirixidos tanto ao público familiar como ao adulto.

Estes espectáculos van integrarse en diferentes programas do Concello de Pontevedra.

Este domingo 16 de febreiro no Teatro Principal, dentro do programa Domingos do Principal, chega o espectáculo 'Kyoki', da compañía Elefante Elegante. Esta proposta plástica e visual invita á reflexión sobre temas como a vellez, o esquecemento e a soidade, con dous pases durante a xornada.

Para o público adulto, destacan tres funcións no mesmo escenario: o 27 de febreiro coa obra '#2Pilgrims', de Redrum Teatro, que aborda cuestións como o feminismo, as novas masculinidades e o impacto das redes sociais.

Xa o 20 de marzo, o Teatro Principal acollerá 'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro, unha peza do director e dramaturgo Santiago Cortegoso que explora a transformación do sector naval na ría de Vigo.

Reconversion, de Ibuprofeno Teatro
Reconversion, de Ibuprofeno TeatroDiego Seixo - Ibuprofeno Teatro

Pazo da Cultura será o epicentro da programación dirixida ao público infantil e familiar. O 22 de marzo, a compañía Percubebés presentará 'A historia de Lumecú', un espectáculo musical con tres pases.

O día seguinte, o 23 de marzo, o Mago Paco encargarase de levar a 'Maxia do cinema' ao escenario.

Xa o 29 de marzoDavide González ofrecerá 'Pitiminí: Concerto para bebés', mentres que o domingo 30 será a quenda de 'Luppo', de Baobab Teatro, unha obra que fala do apego ás persoas que nos rodean, especialmente aos nosos maiores.

Representación de 'Luppo', de Baobab Teatro
Representación de 'Luppo', de Baobab TeatroDiego Torrado

A programación pecharase o xoves 3 de abril no Auditorio do Pazo da Cultura co espectáculo 'CEIB3', da Fran Sieira Compañía de Danza, unha proposta que explora a relación entre o xénero e a nosa tradición.