O grupo pontevedrés de música folk Laroá acaba de estrear vídeo teaser co tema tradicional galego 'Toutón'.
"Emprendemos o noso camiño con paso firme e cos pés ben fincados na terra", sinalan nas súas redes sociais. Trátase do primeiro dos avances do seu próximo espectáculo que irá acompañado de novo disco e que levará por nome 'Camiños'.
"Versará sobre a tradición, as músicas tradicionais, os informantes, a muller co seu papel tan importante como matriarca e catalizadora da nosa sociedade e tamén sobre a lusofonía do que hai moito traballo neste proxecto. Hai raianas, músicas de Portugal e Galicia. Un proxecto máis inspirado nas músicas do mundo", explica Miguel Fraguas, integrante de Laroá.
O audivisual gravouse o pasado mes de outubro no Centro de Interpretación da Torres Arzobispas, CITA, de Pontevedra, contando coa cesión das instalacións por parte do Concello. Unha gravación para a que puxeron a dirección en mans de Beabesada Estudos.
Madalena Gamalho e Sandra Lima poñen as voces, Rafa Morais no baixo eléctrico, Antonio López 'Monano' no teclado, Roso Marinello ao saxo soprano e clarinete baixo, Miguel Fraguas nas percusións, whistle e gaita e Franc Gorriz na batería. Ademais os arranxos correron a cargo de Pedro Fariñas e a adaptación de Rafa Morais.