Lecer, cultura e delicatessen amplían a oferta do portal E-ponte.com

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

Os portais municipais de venda en liña manteñen o seu crecemento tanto no número de vendedores como no de clientes. Ademais de produtos de todo tipo, as empresas ofertan tamén servizos variados, como cursos de formación ou tratamentos de beleza

O marketplace e-ponte.com amplía a súa oferta de venda de bens e servizos
O marketplace e-ponte.com amplía a súa oferta de venda de bens e servizos / Concello de Pontevedra

O marketplace E-Ponte.com segue en expansión. Este portal que permite vender a través de Internet a numerosos comercios locais conta xa con 110 negocios habilitados para a venda. E os últimos en sumarse pertencen ao sector do lecer ou a cultura.

"A adquisición de libros, xogos e cursos, e o da alimentación, con produtos moi concretos e delicatessen, froito das restricións impostas á hostalería e a conseguinte migración do consumo que antes se facía nos restaurantes ao ámbito privado, ás propias casas", enumera a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, os bens que contizan á alza nesta canle. 

Nun contexto de restricións en hostalería e comercio, os consumidores atoparon en páxinas como e-ponte.com ou ponteabastos.com, un espazo no que satisfacer a súa demanda de produtos tradicionais como pans artesanais, queixos ou xamóns, así como produtos gourmet como algas. 

A concelleira socialista puido constatar tamén que os comercios dedicados ao entretemento e á cultura "tamén dispararon neste período o seu mercado online, con librarías que venden moitísimo a través de Internet e centros e academias de ensino que, ao non poder celebrar presencialmente as súas clases debido ás limitacións ou medidas de confinamento, puideron ofertar servizos como cursos no portal E-Ponte.com".

O creador deste portal municipal, Miro Justo, apunta que "a situación sanitaria disparou a adquisición online de artigos de primeira necesidade, mascarillas, toallitas ou kits antivaho para gafas, así como de roupa, zapatos, zapatillas deportivas, equipamentos e tecnoloxía". Sectores como o da saúde ou a beleza tamén están representados neste marketplace, que funciona desde outubro do 2020.

Blanco anima aos donos de todos os negocios da cidade para sumarse a unha plataforma que en pouco tempo está a facilitar a captación dun gran número de novos clientes. Ademais, desde #Pontelovers seguen celebrando charlas formativas para explicar o funcionamento da páxina e sacarlle o maior rendemento posible.