Lectura e comunicación únense no Salón do Libro de Pontevedra

Pontevedra
27 de febreiro 2025

A Troca de Libros celebra a súa quinta edición e Ponte nas Ondas conmemora 30 anos cunha xornada especial o 26 de marzo no auditorio do Pazo da Cultura

Presentación "Troca de libros" e "Ponte nas ondas"
Presentación "Troca de libros" e "Ponte nas ondas" / Concello de Pontevedra

O Salón do Libro convértese de novo nun espazo de aprendizaxe e intercambio coa celebración da 5ª edición da Troca de Libros e o 30 aniversario de Ponte nas Ondas, que terá lugar o 26 de marzo no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Ao acto de presentación da mañán deste xoves 27, acudiron, ademais do edil de Cultura Demetrio GómezDavid Castro, do IES Torrente Ballester, responsable da Troca e Santi Veloso impulsor so proxecto Ponte Nas Ondas; María Xosé Dourado do IES Luis Seoane, do equipo coordinador e Paulino Pérez, vicedecano da Facultade de Comunicación, que partcipará no programa.

Ambas iniciativas contan cunha gran participación de centros educativos, familias e entidades culturais, impulsando valores como a sustentabilidade, a comunicación e o traballo en equipo.

A Troca de Libros, xa consolidada, permite dar unha segunda vida a exemplares de literatura infantil e xuvenil. 

O alumnado e as familias entregan libros en boas condicións nos centros educativos ou ANPAs colaboradoras e reciben vales de intercambio. Durante o evento, poden elixir novas lecturas entre os exemplares dispoñibles canxeando os seus vales.

Nesta edición, participan 18 centros de infantil, primaria e secundaria, tanto públicos como concertados, ademais da Escola Oficial de Idiomas. 

Como novidade, incorpórase un mural colectivo onde os participantes poden deixar as súas impresións e ilustracións. 

Tamén se introduce un "pasaporte lector", no que cada persoa pode escribir unha dedicatoria ou unha mensaxe para futuros lectores do mesmo libro.

Ponte nas Ondas, iniciativa que celebra o seu 30 aniversario, organiza unha xornada radiofónica simultánea en oito localizacións de Galicia e Portugal

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle unha das retransmisións, con alumnado de diferentes niveis educativos participando na elaboración dos programas.

A retransmisión en streaming, dende as 10:00 ata as 15:00 horas, facilita que moitas máis persoas poidan seguir a programación en directo e pinchar nas retransmisións que prefiran.

Santiago Veloso, impulsor de Ponte nas Ondas, subraiou que Pontevedra é un lugar especial xa que "é un pouco xuntar sinerxias, é unha actividade educativa, unha actividade que integra o patrimonio, integra a literatura, integra todos os conceptos da formación do alumnado".

O evento permite tamén a asistencia de estudantes como público, ademais da interacción con figuras destacadas do panorama cultural como Paco Nogueiras.

Nesta iniciativa súmase a Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, na que os alumnos do primeiro ano participarán con actuacións musicais e podcasts coincidindo ca celebración dos cen anos da radio.

Estas dúas propostas non dependen exclusivamente do Salón do Libro, senón que teñen vida propia. Cada unha desenvolve a súa actividade de maneira autónoma, promovendo a lectura, a cultura e a colaboración educativa máis alá deste evento.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, destacou esta idea afirmando: "Non dependerían exactamente do Salón. O que facemos é colaborar unhas actividades con outras para que todo mellore. E neste caso veñen xuntas porque as dúas representan o mellor que se pode facer na educación, que é fornecer o alumnado de ferramentas para a vida cotiá."