Ledicia Costas, madriña de excepción para a Festa dos Libros, que volverá á Ferrería

Pontevedra
19 de xuño 2025

A escritora Ledicia Costas foi este xoves unha invitada de excepción no Concello de Pontevedra, protagonista da recepción oficial pola concesión do premio Barco de Vapor 2025

Miguel Anxo Fernández Lores, Ledicia Costas e Demetrio Gómez

A escritora Ledicia Costas foi este xoves unha invitada de excepción no Concello de Pontevedra, protagonista da recepción oficial pola concesión do premio Barco de Vapor 2025 e madriña da nova edición da Festa dos Libros.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, recibírona para felicitala polo seu recente éxito e, aproveitando a recepción, presentaron a Festa dos Libros.

A cita literaria, xa un imprescindible na programación cultural de Pontevedra, regresará á Praza da Ferrería entre os días 4 e 6 de xullo.

Costas non poderá asistir, pero si quixo dar o seu apoio a esta cita da que é xa unha fiel participante. Definiuna como "un espazo de convivencia" nun "espazo icónico" de Pontevedra como a Praza da Ferraría, "onde están a convivir libreiros, libreiras, lectores, escritoras, ilustradores..." e "iso é unha marabilla".

"Lamento non poder estar, pero prometo estar sempre que poida, tanto na Festa dos Libros como no Salón do Libro", indicou a escritora que quixo dar todo o seu apoio, animando á cidadanía a gozar desta cita.

Demetrio Gómez avanzou que xa hai cartel para a nova Festa dos Libros que ten confirmadas 12 librarías: Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Librería Paz, Librería Antología, Librería Metáfora, Librería Seijas e Mononoke.

Tamén teñen confirmadas 49 autoras e autores e actividades moi variadas, centradas na ilustración, faladoiros con xornalistas, unha homenaxe ás protagonistas das Letras Galegas 2025, a entrega do premio Pinto e Maragota, recitais poéticos e música en vivo cunha sorpresa dun grupo de Pontevedra "moi pouco coñecido".

Lores destacou a traxectoria de Ledicia Costas e o seu compromiso coa literatura infantil e xuvenil galega e felicitouna polo seu premio, que recibiu pola obra Feriópolis.

Aproveitando a recepción, Costas mostrouse "moi emocionada" por recibir este recoñecemento por parte do Concello, ao ser Pontevedra unha cidade á que sente "moi apegada", onde "sempre fun moi coidada", e que destacsa polo seu compromiso coa lingua galega e coa diversidade.

Deixoulle un libro dedicado ao alcalde co seguinte texto: "Para o alcalde desta cidade marabillosa. Con amor, esta historia que latexa ao compás das festas de verán".

Dedicatoria de Ledicia Costas ao alcalde de PontevedraConcello de Pontevedra