A cidade de Pontevedra celebra este sábado 11 de abril a duodécima edición da Aña Urbana, que este ano trasladou o seu espazo principal na carpa situada en Montero Ríos.
A xornada, organizada pola Asociación Cultural Trépia, rexistra durante esta tarde unha afluencia constante de público que participa nas distintas propostas centradas na música e nos bailes vinculados aos ciclos das labradas.
Tras o inicio matinal co mercado de artesanía e os roteiros musicais por prazas como A Ferrería e A Verdura, a programación de tarde retomouse co espectáculo infantil "O Chintófano de Dorothé".
A actividade mantívose cos obradoiros de baile e de leghón, unha ferramenta agrícola empregada como instrumento de percusión, nos que se integran numerosos adultos e escolares baixo a dirección de Marcelo Dobode e Miguel Sotelo.
O recinto situado en Montero Ríos acollía o concerto do alumnado da Escola Trépia, onde escolares de diferentes idades amosarán os coñecementos adquiridos en disciplinas como gaita, acordeón, percusión e pandereita.
As actividades nocturnas serán as seguintes:
-
21:00 horas: Homenaxe ás informantes de Aboal (Mondariz), Mariña Pedreira Alfaro e Laurinda Ventín Portela, polo seu papel na conservación da tradición oral.
-
21:30 horas: Actuación de pandereteiras e a charanga de Cantigas e Agarimos.
-
22:45 horas: Inicio do serán e foliada aberta á participación espontánea do público para o peche da xornada.
Este encontro, que conta co apoio do Concello de Pontevedra, busca manter a vixencia das raíces rurais no contexto urbano a través do contacto directo entre xeracións e o intercambio de coñecementos musicais e etnográficos.