Leilía chega a Ponte Caldelas na xira coa que se despide dos escenarios

Ponte Caldelas
27 de agosto 2023

O grupo Leilía tocará este domingo 27 de agosto ás 21:00 horas na alameda de Ponte Caldelas dentro da programación do programa "Musigal" da Deputación de Pontevedra

Concerto de Leilía Diego Torrado

O grupo Leilía tocará o domingo 27 de agosto ás 21:00 horas na alameda de Ponte Caldelas dentro da programación do programa “Musigal” da Deputación de Pontevedra. 

A través desta iniciativa, a institución provincial busca a difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a dinamización da lingua entre a cidadanía.

Con máis de 30 anos coma agrupación, Leilía despídese dos escenarios na que será a súa derradeira xira. O concerto en Ponte Caldelas será unha das últimas paradas do camiño que comezou o grupo, que conseguiu transformar o panorama da música galega tradicional. A través das melodías, da evolución sonora e dos cambios na escenografía, Leilía fará un percorrido por toda a súa traxectoria profesional, desde os seus inicios ata os últimos anos, co seu espectáculo 'CantarElas'.

Leilía nace en 1989 da man de seis mulleres que se xuntan para recuperar a tradición oral galega. 

A súa discografía é un reflexo da evolución do grupo. Co seu primeiro disco 'Leilía' dan a coñecer as pezas tradicionais para que, no seguinte, 'I é verdade i é mentira', se incorporen novas polifonías e instrumentos máis modernos que dan continuidade ao pasado a través do presente. 

Estas achegas acentúanse en 'Madama', con letras de temática actual. Os seus temas xuntáronse en dous lanzamentos conmemorativos, 'Son de Leilía' polo 15º aniversario, e 'CantarElas' en honor aos 30 anos da formación.