Lérez Up, o salón da cultura friki, recupera o K‑Pop con concurso de baile por equipos e 700 euros en premios

Pontevedra
13 de agosto 2025
Actualizado: 12:44

O evento do Salón do vídeoxogo e da cultura friki regresará ao Recinto Feiral os días 13 e 14 de setembro coa zona K‑Pop, talleres de WordPress.com e actividades abertas para todas as idades

baile K‑Pop no Lérez Up
baile K‑Pop no Lérez Up / Concello de Pontevedra

A zona K‑Pop volve converterse nun dos grandes atractivos da Lérez Up 2025.

Este Salón do vídeoxogo e da cultura friki, organizado por Gaming Troop e que se celebrará os días 13 e 14 de setembro no Recinto Feiral, abriu as inscricións para o seu concurso de baile K‑Pop, cuxas prazas na categoría grupal esgotáronse en só cinco días. A inscrición individual continúa aberta para quen queira participar no escenario.

A organización, en colaboración con Korean Events Galicia e co patrocinio de WordPress.com, premiará as actuacións con 700 euros, merchandising e agasallos sorpresa de WordPress.com.

Haberá recoñecementos para os finalistas de cada categoría e un premio do público, que se decidirá mediante votación por teléfono móbil; todas as persoas que participen na votación entrarán nun sorteo de agasallos cortesía de WordPress.com.

Ademais do concurso, a zona K‑Pop manterase activa durante toda a fin de semana con actividades, xogos e música enfocadas na cultura surcoreana.

WordPress.com, como patrocinador principal, organiza tamén dúas actividades abertas a todos os públicos o sábado: o taller "Crea a túa páxina web", impartido por Jesús Amieiro ás 18:30 h na primeira planta (é preciso traer portátil e inscribirse previamente na páxina web; haberá servizo de consigna gratuíto), e a charla "Hackea a túa identidade dixital: de NPC a protagonista", a cargo de Ana Cirujano ás 20:00 h no escenario. Ambas as actividades son gratuítas coa entrada ao evento.

A combinación de música, baile, obradoiros e propostas interactivas converterá a zona K‑Pop nun dos espazos máis vibrantes da Lérez Up, que aspira a manter o éxito da edición pasada e seguir a sumar público local e visitante ao programa do salón.

As inscripcións están dispoñibles en https://gamingtroop.es/lerezup e nas redes sociais do evento.