PODCAST. 'Gastronomía en femenino', un libro con herdeiras e facedoras do legado culinario galego

Pontevedra
19 de novembro 2025
Actualizado: 11:17

Acábase de presentar en Pontevedra 'De madres a hijas. Recetas para no olvidar. Gastronomía en femenino'. Publicación con autoría de dez cociñeiras vinculadas a establecementos recoñecidos

Chus González coautora de 'De madres a hijas. Recetas para no olvidar. Gastronomía en femenino'
Chus González coautora de 'De madres a hijas. Recetas para no olvidar. Gastronomía en femenino' / PontevedraViva

'De nais a fillas. Receitas para non esquecer. Gastronomía en feminino' (editorial Hércules) é un libro coral. En diversos aspectos.

Un, a autoría. Dez mulleres, cociñeiras en reputados restaurantes da provincia de Pontevedra e A Coruña.

Manicha Bermúdez de A Taberna de Rotilio de Sanxenxo; Toñi Vicente, Premio Nacional de Gastronomía; Chus González do Alameda 10 de Pontevedra, Maricarmen Rodríguez do Nixon de A Estrada, Ana Gago do coruñés Casa Pardo, Carlota Iglesias do Cabanas de Lalín, Rosalina e Teri Carballeira de O Buraco de Portonovo, Loli Barreiro do Finisterre de O Grove e Eva Burgos.

Dous, as outras mulleres a quen as súas autoras quixeron deixar plasmado unha homenaxe. As súas predecesoras nos fogóns, as súas mestras culinarias á vez que avoas, nais, etc…

Tres, as receitas que foron conservándose entre xeracións e que levaron á práctica as autoras da publicación.

Catro, os municipios nos que están radicados os establecementos que mantiveron, que rexentan estas cociñeiras, ou concellos dos que son oriúndas.

E cinco, a variedade e calidade da materia prima autóctona coa que elaboran unhas receitas herdadas á vez que actualizadas.

No podcast 'Cara a cara' fala Chus González. No seu caso, ademais do legado materno do que non puido gozar todo o desexable, conta co da súa familia política; a súa sogra dona Antonia e as súas cuñadas Chicha e Toñi Vicente. Sen esquecer ao seu home, Juan, co que leva o restaurante pontevedrés.

Ela relata como xurdiu este proxecto e como se foi 'cociñando' até chegar a súa publicación. Por certo, xa vai pola súa segunda edición.

O verán pasado fixéronse as primeiras presentacións públicas e despois da celebrada en Pontevedra, o vindeiro 27 de novembro presentarase en Madrid, na Casa de Galicia, ás 19.30 horas.