Volven As Matinés do Principal. E antes do que pensabamos. Ata o de agora só se anunciara o concerto de Uxía Senlle e Javier Ruibal, previsto para o 25 de marzo. Pero dúas semanas antes, o ciclo musical abrirá a súa nova edición coa actuación de Los Estanques e Anni B. Sweet.
Será, polo tanto, o sábado 11 de marzo, a partir das 13:00 horas, cando no Teatro Principal ecoen a psicodelia e os ritmos setenteiros deste proxecto musical, liderado por unha das artistas máis destacadas da música independente española.
Esta unión artística entre Anni B. Sweet e Los Estanques frutificou nun primeiro álbum conxunto, baixo o título Burbuja cómoda y elefante inesperado, composto pola artista malagueña e Íñigo Bregel, voz, teclado e guitarra da banda cántabra.
O disco xunta a calidez vocal da cantante e as guitarras eléctricas incontrolables de Los Estanques nunha alianza que non deixa indiferente a ninguén.
As entradas para este primeiro concerto de As Matinés do Principal están á venta, a un prezo de 12 euros, na plataforma Ataquilla.com. Os menores de 12 anos pagarán só a metade.