Los Planetas brillan na Illa e, xunto a Lori Meyers, marabillan ao público no Atlantic Fest

O Salnés
03 de xullo 2017

Cando teñen o seu día, o directo de Los Planetas é insuperable. E na Illa de Arousa, tivérono. A banda granadina non defraudou ás expectativas creadas e converteron ao Atlantic Fest nunha cita para o recordo, na que tamén brillaron, entre outros, L.A., Temper Trap, Lori Meyers e Maxïmo Park, que fixeron bailar sen parar a miles de persoas

Concierto de Los Planetas no Atlantic Fest
Concierto de Los Planetas no Atlantic Fest

Cando teñen o seu día, o directo de Los Planetas é insuperable. E na Illa de Arousa, tivérono. A banda granadina non defraudou ás expectativas creadas e converteron ao Atlantic Fest nunha cita para o recordo, na que tamén brillaron, entre outros, L.A., Temper Trap, Lori Meyers e Maxïmo Park, que fixeron bailar sen parar a miles de persoas.

Co novo festival, que este ano cumpría a súa segunda edición, comezan uns Festivais Rías Baixas que encherán de música, gastronomía e bo ambiente a provincia de Pontevedra durante todo o verán. E un ano máis, demostrando que o Atlantic Fest é unha cita da que se pode gozar en familia, nunha contorna inigualable, a praia do Bao.

O concerto de Los Planetas foi, sen dúbida, o prato forte do festival. Presentaban un novo disco, Zona temporalmente autónoma, pero ao longo da noite interpretaron tamén os seus grandes éxitos, para delirio dun público entregado desde o primeiro momento e que rozou o delirio con Pesadilla en el parque de atracciones y Un buen día, antes de despedirse con De viaje.

Tras eles foi a quenda de Lori Meyers, que demostraron que o seu é un dos directos máis enérxicos do panorama indie español. Chegaban tamén con novo disco, En la espiral. Cunha posta en escena espectacular, baseada en pantallas led e unha iluminación detallada, sorprenderon ao público do Atlantic Fest, que coreou a viva voz as súas cancións máis coñecidas.

A actuación de Los Planetas e Lori Meyers foron o clímax dun festival que comezaba ás doce do mediodía cos xemelgos Héctor e Nico Iglesias, os DJ Electric Feel, e a banda Best Boy, que subiron ao escenario do Bao para quentar o ambiente.

O primeiro cheo na carpa do festival produciuse co concerto de L.A. Os mallorquinos malgastaron enerxía sobre o escenario, presentando o disco King of Beasts e repasando os grandes temas dos seus traballos anteriores. Foi xusto antes de que Anni B. Sweet, acompañada nesta ocasión de banda, namorase ao público coa súa versátil voz.

A partir de aí, foi a quenda de apostas máis electrónicas como Joe Crepúsculo e Delorean e da banda que, de forma case unánime, foi catalogado polo público como unha das grandes actuacións do festival, The Temper Trap. Os australianos mostraron por que son unha das bandas de maior proxección do panorama internacional e fascinaron ao público da Illa.

Os británicos Maxïmo Park foron os encargados de pechar o festival no escenario principal e fixeron bailar ata altas horas da madrugada ao público que, tras Lori Meyers, optou por apurar as últimas horas dun festival que, para este domingo gardaba aínda algunha bala na recámara con concertos en diferentes enclaves da Illa.

Puma Pumku, Birds are Indie, Esposa e Dois amenizaron a sesión vermú dominical, igual que fixeron na noite do venres, a xornada previa ao festival, Mounqup, Sen Senra, King of the Beach, Rosalía & Raíl Refree e Os Amigos dos Músicos.

Tras tres días de festival, Atlantic Fest despídese ata o próximo ano, xa plenamente consolidado no calendario cultural das Rías Baixas. A seguinte cita cos festivais pontevedreses será dentro de dez días, do 13 ao 15 de xullo en Caldas de Reis, cunha nova edición do festival PortAmérica.