Os Rías Baixas Fests reuniron este verán a 260.000 persoas en Pontevedra

Bueu
09 de novembro 2017

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo balance este xoves nun acto de peche en Meaño no que indicou que as ocupacións hoteleiras durante os días nos que se celebraron os eventos foron dun 100% practicamente en todas as ocasións

Festival PortAmérica 2017, na carballeira de Caldas
Festival PortAmérica 2017, na carballeira de Caldas / Diego Torrado

Os oito Rías Baixas Fests reuniron este verán a máis de 260.000 persoas na provincia de Pontevedra, cifra que supón un aumento notable con respecto ás edicións anteriores e que leva á Deputación Provincial a sacar peito e valorar que "xa son unha marca propia, un produto que se traduce nunha maior afluencia de visitantes e nunha enorme repercusión para a economía da provincia".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance este xoves nun acto de peche ao que asistiron alcaldes e alcaldesas dos municipios onde se celebraron os eventos, así como as persoas promotoras, organizadoras e patrocinadoras de cada un dos oito máis un festivais que conforman a marca #RíasBaixasFests.

O evento celebrado en Meaño acolleu a estrea do vídeo making dos #RíasBaixasFests2017, que recolle todos os eventos: Cultura Quente e PortAmérica (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Vive Nigrán (Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (a illa de San Simón en Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilagarcía de Arousa), ademais do evento final en Cambados.

Carmela Silva tamén indicou que as ocupacións hoteleiras durante os días nos que se celebraron os eventos foron dun 100% practicamente en todas as ocasións, dato que demostra que os Rías Baixas Fests están a converter á provincia de Pontevedra nun referente da industria musical e cultural da península e nun lugar de enorme atractivo turístico. 

Segundo indicou a presidenta provincial, o Plan Estratéxico de Turismo que están a piques de rematar pon de manifesto que os festivais musicais xa son unha das grandes liñas de actuación para Turismo Rías Baixas

Os alcaldes e representantes dos gobernos locais amosaron a súa satisfacción polo éxito desta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra, que permite achegar a riqueza turística das súas vilas a un gran número de persoas xerando un importante impacto na economía local.