Love of Lesbian, Siloé, La La Love You, Carlos Ares e Sidonie encabezarán o Río Verbena Fest 2026

Pontevedra
20 de outubro 2025

Sanguijuelas del Guadiana, Cora, Luís Fercán, Los Acebos, Señora DJ ou a pontevedresa Yoly Saa completan as primeiras confirmacións para un festival que regresará os días 21 e 22 de agosto

Siloé, Carlos Ares e Sidonie
Siloé, Carlos Ares e Sidonie / PontevedraViva

Con máis enerxía que nunca. Así volverá, segundo destacan os seus organizadores, o Río Verbena Fest a Pontevedra. O festival celebrará a súa quinta edición os días 21 e 22 de agosto de 2026 e este luns desvelou os primeiros nomes para o seu cartel.

Love of Lesbian, Siloé, La La Love You, Carlos Ares e Sidonie estarán entre os principais atractivos do festival pontevedrés, que volverá encher a chaira do Recinto Feiral de Pontevedra, un verán máis, de música, cor e celebración.

Farao cun cartel que combinará, como é habitual, nomes consagrados do panorama nacional co talento emerxente que está a marcar a nova escena independente española.

Entre estes primeiros artistas confirmados destacan Love of Lesbian, unha das bandas máis recoñecidas do indie español, con máis de dúas décadas de traxectoria, unha lexión de seguidores e un repertorio que combina introspección, ironía e emoción a partes iguais.

Xunto a eles estarán Siloé, o proxecto liderado por Fito Robles, e unha das propostas máis soadas e seguidas da escena actual. La La Love You, pola súa banda, chegarán a Pontevedra coa súa mestura de pop enerxético, punk melódico e letras tan vitais como contaxiosas.

O galego Carlos Ares, novo compositor e cantautor que destaca polo seu son contemporáneo e a súa sensibilidade artística; ou Sidonie, unha banda de referencia do pop alternativo español que continúa reinventándose, prometen estar entre os directos máis celebrados do festival.

Xunto a este repóker de estrelas, o Río Verbena Fest tamén mirará cara ao futuro con proxectos emerxentes que achegan frescura e novas sonoridades á música española.

Entre eles estará Sanguijuelas del Guadiana, banda que está a dar que falar e espertando interese pola súa proposta de rock alternativo con raíces e influencias contemporáneas.

Ademais, ao escenario do Río Verbena tamén subirán a pontevedresa Yoli Saa, artista de pop íntimo e emocional que conquistou ao público coa súa voz cálida e as súas letras honestas; e Luís Fercán quen xoga nas súas cancións coa súa particular mestura de folk e pop de autor.

Yoly Saa, Luis Fercán e Cora
Yoly Saa, Luis Fercán e CoraPontevedraViva

A eles súmase a tamén pontevedresa Cora, artista cun estilo que combina electrónica, pop alternativo e unha potente identidade visual; e Los Acebos, formación que aposta por un son de pop rock enérxico con ecos das grandes bandas nacionais

Señora DJ, pola súa banda, será a encargada de pór o broche máis festivo cunha sesión ecléctica que fará bailar ao público até o final de cada xornada.

Os abonos para o Río Verbena Fest 2026 poranse á venda este mércores 22 de outubro ás 12:00 horas, a través da web oficial do festival (rioverbena.com).