Pontevedra vólvese a encher de música e festa co Río Verbena

Pontevedra
23 de agosto 2025
Actualizado: 13:32

O ritmo da música marcou o ambiente dun festival que xa se gañou un oco no corazón do verán galego

Concerto de Loquillo
Concerto de Loquillo /

A cuarta edición do Río Verbena Fest chegou este venres a Pontevedra pisando forte, nunha tarde de verán que parecía feita a medida para bailar.

O ritmo da música marcou o ambiente dun festival que xa se gañou un oco no corazón do verán galego.

A banda coruñesa Orzán foi a encargada de dar o pistoletazo de saída ás 18:15 h, seguida dos seus paisanos Terapia de Grupo, que caldearon o ambiente para dar paso a un dos pratos fortes do día: Efecto Pasillo. Os canarios interpretaron a un tempo co público os seus temas máis pegadizos, lembraron que xa visitaran Pontevedra nas festas da Peregrina en 2014 e lanzaron unha mensaxe solidaria polos incendios que afectan á península.

A noite seguiu con forza grazas a Coque Malla, que cumpriu coa promesa que fixo ao público: "Esta energía que nos dais, os la devolveremos multiplicada por diez". No seu repaso aos 40 anos que leva na música non faltaron cancións dos Ronaldos nin grandes clásicos como o "No puedo vivir sin ti" que volveu unir xeracións nun mesmo canto baixo o ceo pontevedrés.

Coque Malla en concerto no Río Verbena

O único concerto en Galicia do cantautor Andrés Suárez tamén formou parte desta xornada inaugural, seguido pola potencia de Loquillo, quen chegou coa súa xira "Corazones legendarios" poñendo voz a décadas de historia do rock nacional.

Un dos dúos inesperados da noite foi o protagonizado por Loquillo e Coque Malla que compartiron escenario para cantar "Besos robados".

Loquillo en concerto no Río Verbena Fest

A noite continuou con Pignoise e logo o carismático Xoel López que preparou un repertorio especial para a ocasión no que, como xa adiantara na súa entrevista en PontevedraViva incluíu "Perlas ensangrentadas", unha canción que non interpretaba en directo desde o ano 2008. A súa actuación foi un dos momentos máis esperados, e non defraudou: foi o broche perfecto para unha noite máxica. Mesmo subiu ao escenario a Pepe Solla, outro dúo inesperado para interpretar un tema de Deluxe.

Concerto de Xoel López con Pepe Solla no escenario
Concerto de Xoel López con Pepe Solla no escenario

A festa continuou coa enerxía en vivo da Guateque Big Band, pechando ao grande esta primeira xornada.

Pero isto non se acaba aquí. Este sábado o Recinto Feiral de Pontevedra volve encherse de música e bo rollo. O festival arrinca hoxe con Javier Lago (17.30 horas) e continúa cos sons locais de Mamasución, Carla Lourdes e Taïn.

Tamén actuarán Nil Moliner (20.15 horas), Malmö (21.15 horas), Álvaro de Luna (22.15 horas) e Carlos Sadness (23.45 horas).

YSY A tomará o relevo a medianoite, ás 0:45 horas.

O broche porao Sergio o Indio DJ cunha sesión que se estenderá até as 03:00 h.

Cunha contorna privilexiada a beiras do río Lérez, o Río Verbena Fest consolídase como unha das citas musicais imprescindibles do verán pontevedrés. A súa localización, en corazón da cidade, permite gozar de dúas xornadas de música en directo rodeados de natureza, boa gastronomía e un ambiente inmellorable.

O Río Verbena Fest aposta pola diversidade, reunindo xeracións distintas baixo un mesmo escenario para celebrar a música sen etiquetas nin barreiras.

Desde os grandes clásicos do rock até os novos sons do indie e o rap, pasando por propostas locais que mostran a riqueza musical de Galicia, cada edición do festival convértese nunha festa para descubrir, compartir e celebrar xuntos.