Love of Lesbian fai as delicias dos seus fans na Praza de España

Pontevedra
12 de agosto 2014

O grupo catalán repasa os seus mellores temas en algo máis de dúas horas de concerto co seu espectáculo 'El poder de la tijera' para desfrute dos seus numerosos seguidores. Os primeiros fans instaláronse na Praza de España a mediodía

Concerto de Love of Lesbian na Praza de España
Concerto de Love of Lesbian na Praza de España / Diego Torrado

Os primeiros seguidores de Love of Lesbian chegaron á Praza de España horas antes da súa actuación, xa a mediodía, un grupo que aumentou cando foi a quenda da proba de son. Non obstante a espera non os defraudou.

O grupo catalán foi capaz de encher a praza pontevedresa coa súa xira 'El poder de la tijera', na que repasou os mellores temas da súa carreira en algo máis de dúas horas de recital.

"Hace pocos años estábamos tocando a sólo 150 metros de este escenario, en la Sala Karma", recordou Santi Balmes pouco despois de comezar a tocar, ás 22:30 horas, ante os coros dos seus fans máis incondicionais.

Love of Lesbian interpretou os tres temas do seu recente EP Nouvelle Cuisine Caníbal, pero centrouse nas cancións que lles situaron como unha das bandas máis seguidas da esfera 'indie', como Noches reversibles, Club de fans de John Boy ou a coñecida Toros en la Wii, que pechou o concerto, cun regusto 'fantástico' tal e como sinala o retrouso da canción.

Os concertos das Festas da Peregrina continuarán o mércores cos locais Black Stones. Antes, este martes, será a quenda para a festa Máxima FM no escenario da Praza de España.