Unha 'Rosa' pasou este sábado polo Pazo da Cultura de Pontevedra. Así se titula o último traballo de Luísa Sobral, encargada de abrir a tempada no ciclo Voices.
A cantautora é unha das máis importantes en lingua portuguesa, coñecida por ser a compositora do 'Amar Pelos Dois' co que o seu irmán Salvador gañou o festival de Eurovisión de 2017.
Sobral presentou en Pontevedra o que é o seu quinto álbum, que define como o máis "íntimo, maduro e persoal".
Trátase dun traballo con marcadas influencias do jazz pero no que as melodías e as palabras son as protagonistas.
O de Luísa Sobral foi a primeira das tres datas do ciclo Voices 2019, que terá continuación o domingo 19 de maio co pianista James Rhodes e pechará o 21 de xuño coa mexicana Lila Downs.