O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra volve poñer o foco na cadea de valor do libro. Se o ano pasado a homenaxe recaeu na tradución, a edición de 2026 renderá tributo a dúas figuras fundamentais na mediación entre a obra e o lector: o editor Manuel Bragado e a libreira xubilada Luz Gallego, coñecida popularmente como 'Nenuca'.
Os nomes foron desvelados este mércores, 28 de xaneiro, polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, reivindicando a importancia de todo o ecosistema cultural que traballa "desde as editoriais ata as librarías".
A vixésimo sétima edición do Salón desenvolverase entre o 6 e o 22 de marzo de 2026, reservándose o sábado 21 de marzo para o acto central de homenaxe.
Segundo explicou o concelleiro, a elección de Bragado e Gallego responde á vontade do evento de recoñecer que "o libro é algo máis amplo que unha única persoa", visibilizando o traballo previo de selección, edición e recomendación que permite que as historias cheguen ao público.
Luz Gallego, 'Nenuca', é unha referencia indiscutible na vida cultural de Pontevedra. Á fronte da histórica Libraría Seijas, con Manuel Seijas, conseguiu transformar o que orixinalmente era un establecemento enfocado a material técnico e papelería nunha "libraría de referencia da literatura infantil", sinalou Gómez.
Nenuca, que traballou man a man coa organización do Salón desde os inicios, destacou a evolución da súa libraría cara á especialización infantil e xuvenil. A súa traxectoria está marcada pola formación continua: licenciada en Maxisterio e Comunicación, non deixou de estudar nin sequera tras a súa xubilación, matriculándose na Universidade a Distancia.
Manuel Bragado lembrou tamén durante a presentación como a escritora María Victoria Moreno, nos seus últimos anos, tiña sempre presente á libraría Seijas
O editor que tamén recibirá a homenaxe foi definido polo concelleiro de Cultura como unha figura "imposible de resumir".
Mestre, activista cultural e coordinador de proxectos educativos, Bragado é, ante todo, o editor que axudou a construír o canon da literatura infantil e xuvenil galega contemporánea. Baixo a súa edición publicaron autores capitais como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xabier Docapo ou Ledicia Costas, afirmaba Demetrio Gómez.
Aínda que a súa carreira centrouse en editar a outros, Bragado é autor dun único libro de literatura infantil: Dona Carme.
A obra, que naceu en 1985 nas súas libretas de mestre e foi publicada orixinalmente con ilustracións de Pepe Carreiro no proxecto 'O parrulo' de Lindo Edicións, cobra agora unha nova actualidade.
PREMIO FUNDACIÓN CUATROGATOS
A presentación dos homenaxeados coincidiu cunha feliz noticia que o propio Bragado cualificou de "sorpresa inmensa".
A Fundación Cuatrogatos fixo públicos este mesmo 28 de xaneiro os gañadores dos seus prestixiosos galardóns anuais. De entre 1.200 proxectos de 16 países, a nova edición de Dona Carme, lustrada agora por Iván R., foi elixida como un dos 20 libros gañadores.

Este recoñecemento internacional tamén recaeu noutras editoriais galegas como Kalandraka e Pepa a Loba Editora, poñendo de manifesto a potencia do sector.
"É un orgullo inmenso para a nosa literatura e os nosos editores; neses vinte proxectos, tres están editados en Galicia e dous en Pontevedra", subliñou Demetrio Gómez.
PONTEVEDRA, CIDADE DO LIBRO
Manuel Bragado aproveitou a súa intervención para citar ao escritor portugués Miguel Torga, asegurando que "é obriga dos homenaxeados poñerse a traballar nas filas de quen o homenaxea".
Nese sentido, o editor expresou o seu compromiso de apoiar a Pontevedra nun ambicioso obxectivo: converterse en Cidade da Literatura da UNESCO.
Bragado estableceu un paralelismo coa cidade italiana de Boloña e a súa feira do libro infantil, ou co pensamento de Francesco Tonucci sobre as cidades á medida da infancia.
"Hai que construír unha cidade para a lectura, para todos", afirmou, destacando que o Salón do Libro outorga a Pontevedra un carácter singular de cidade "amable coa lectura", apoiada por unha rede de librarías e eventos consolidados como o Culturgal.