O magnetismo da regueifa espállase polos centros escolares de Pontevedra

Pontevedra
11 de febreiro 2025

Preto de 700 estudantes de quince centros educativos da cidade de Pontevedra están a participar nesta iniciativa, que busca poñer en valor a regueifa e incentivar a súa práctica

Participantes no Enreguéifate
Participantes no Enreguéifate / Enreguéifate

A oitava edición do Enreguéifate segue a captar o interese da mocidade pontevedresa a través de obradoiros de improvisación oral.

Desde finais de xaneiro e ata o próximo xoves, 13 de febreiro, preto de 700 alumnos e alumnas de quince centros educativos da cidade están a participar nesta iniciativa, que busca poñer en valor a regueifa e incentivar a súa práctica entre as novas xeracións.

Os obradoiros, impartidos por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón, están dirixidos a estudantes de 5º e 6º de primaria e do primeiro ciclo da ESO.

Entre a primeira quenda de actividades, levada a cabo no primeiro trimestre, e esta segunda, que comezou en xaneiro, impartíronse preto de trinta sesións formativas.

Os centros participantes son o CEIP Cabanas Salcedo, CEP Marcos da Portela, CEIP Juan Sebastián Elcano, CEIP San Martiño, CEIP de Marcón, CEIP Calasancio, CEIP Santo André de Xeve, CEIP A Xunqueira I, CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos, CEIPP de Parada-Campañó, CEIP San Benito de Lérez, CEIPP Vilaverde de Mourente, IES Luís Seoane, IES A Xunqueira II e IES Sánchez Cantón.

O Enreguéifate é un proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Pontevedra, Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo, co obxectivo de promover a improvisación oral en verso e, ao mesmo tempo, fomentar o uso da lingua galega.

Nesta edición, que arrancou en novembro de 2024, desenvolvéronse máis de 90 obradoiros en medio cento de centros escolares de toda Galicia.

Actividade de Enreguéifate
Actividade de EnreguéifateEnreguéifate

CERTAME EN VÍDEO

En paralelo ás actividades formativas, o Enreguéifate organiza un certame de regueifas en vídeo, que mantén o prazo de participación aberto ata o 20 de marzo.

As inscricións poden formalizarse na páxina web do certame (www.enregueifate.gal), onde tamén están dispoñibles as bases.

Baixo o lema Enreguéifate, puro magnetismo!, este ano hai dúas categorías: xeral e escolar. Como novidade, amplíase de seis a oito o número de premios por cada unha delas.

Ademais dos tradicionais regueipremios á regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, engádense dous novos galardóns: á regueifa máis inclusiva e á máis entroideira.

A entrega de premios está prevista para o 19 de maio nunha gala que se celebrará no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.