Maio comeza con contacontos ilustrados no Museo nun mes dedicado a Luísa Villalta

Pontevedra
02 de maio 2024

A Deputación de Pontevedra desenvolverá diversas actividades ao longo deste mes das Letras Galegas que está dedicado á escritora, filóloga e violinista coruñesa. Os contacontos ilustrados van desenvolverse os días 2, 3 e 7 de maio. O sábado 4 vai realizarse un percorrido literario polas salas do Museo relacionando os fondos coa obra da autora homenaxeada

Luisa Villalta interpretando unha peza ao violín
Luisa Villalta interpretando unha peza ao violín

Con este mes de maio, a Deputación de Pontevedra desenvolverá diversas actividades relacionadas coas Letras Galegas para destacar a obra creativa da poeta, dramaturga, filóloga e violinista Luisa Villalta, homenaxeada este ano pola Real Academia Galega.

O programa iníciase durante as mañás deste xoves 2, venres 3 e martes 7 de maio con contacontos ilustrados no Museo de Pontevedra sobre a autora coruñesa. Polo Correo do Vento pon en marcha esta proposta destinada a público escolar, a partir de cuarto de primaria.

Esta iniciativa ofrecerá a narración sobre a biografía de Villalta e a creación dun mural relacionado coa vida da escritora. Tamén está previsto que leve a cabo unha taller de debuxo no que cada participante realizará unha caricatura de Luisa Villalta.

Xa o sábado 4 de maio, ás 12.00 horas, Polo Correo do Vento realizará un percorrido literario por diversas salas do Museo relacionando os fondos museísticos coa obra da autora de 'Pensar é escuro', do mesmo xeito que doutras personalidades homenaxeadas en anos anteriores, desde que se estableceu o Día das Letras Galegas o 17 de maio de 1963.

A Deputación tamén inclúe na web da institución un apartado denominado 'O camiño andado das letras'. Trátase dunha colección de fichas didácticas con información de todos os autores e autoras que foron homenaxeados o Día das Letras Galegas.

Cada ficha ofrece dúas versións, unha para público infantil e outra para adultos. Inclúen ilustración, biografía e un apartado cos seus mellores traballos cun fragmento dalgunha das obras. Tamén se ofrece un espazo para colorear no caso das fichas infantís.