O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, vén de presentar este luns a programación de 'Maio, Mes da Lingua', que é "moi colectiva" xa que foi elaborada por oito entidades que traballan en Pontevedra a prol da lingua.
O primeiro dos actos programados terá lugar este martes coa presentación de 'Xeración Alfa', a primeira revista cultural impresa en galego para público mozo. Por iniciativa de Sermos Galiza e en colaboración co Concello de Pontevedra, o mes das Letras Galegas énchese de contidos culturais vencellados á música e haberá reportaxes sobre sexualidade ou saúde mental, pasando polo emprego das novas tecnoloxías nos videoxogos e o veganismo e o consumo sostible.
A programación de 'Maio, Mes da Lingua' concéntrase nas fins de semana e este venres ás 19.30 horas, en colaboración co Conservatorio Manuel Quiroga, haberá un duelo de bandas na Praza da Ferrería.
O sábado 11, da man da Coordinadora de equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino de Pontevedra, chega ao Teatro Principal ás seis da tarde, o certame musical 'Ben veñas maio', unha gala organizada polo alumnado dos centros de ensino.
O xoves 16, en colaboración co colexio Campolongo, haberá un concerto de 'Sun Lou', co que este centro de ensino celebra o final do programa '21 Días co Galego'.
O venres 17 e o sábado 18, será a 'Festa da Lingua', en colaboración co Centro Social A Pedreira, cos concertos de Os Vacalouras, Catuxa Salom, xogos populares, Peter Punk, banda de gaitas e libros viaxeiros. E na seguinte fin de semana, representarase o espectáculo 'Falemos como galegas', de Migallas no Centro Social de Monte Porreiro.
Pola súa banda, o sábado 25, na Illa das Esculturas, haberá unha actividade para nenos de entre 8 e 12 anos que se chama 'Traficantes de Verbas' e o domingo 26, a final de 'Bótalle un conto', ás cinco da tarde, no Teatro Principal. Os organizadores están estes días gravando vídeos, facendo as probas de selección das persoas contadoras de historias.
O luns 27 de maio será o 'Correlingua', desde ás 10.30 horas, con saída na Alameda.
Xa na última fin de semana do mes, o venres 31, será a tradicional recepción ás entidades sociais de Pontevedra para facer entrega dun lote de libros a cada unha con obras da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, neste caso, Luisa Villalta.
O sábado 1 de xuño, ás 12 horas na Casa Azul, 'Os monstros tamén teñen sentimentos' unha actividade para crianzas de 8 a 12 anos e o sábado 8 de xuño se vai facer entrega, no Pazo da Cultura, do 'Premio Mil Primaveras', que inclúe a actuación do dúo Rilo e Panadique.