'O Diamante Galego' inicia un ciclo de actividades no Centro Social A Pedreira

Pontevedra
08 de maio 2024

O documental realizado por Nós Televisión para a Associaçom Galega da Língua (AGAL), será proxectado no local situado na Rúa Serra este venres ás 20.30 horas. O sábado 11 de maio, o mesmo local acollerá unha sesión vermú coa actuación de Aldaolado e, a partir das 21.00 horas, será o concerto de Curtidoira Folk

Curtidoira Folk
Curtidoira Folk

O documental 'O Diamante Galego' realizado por Nós Televisión para a Associaçom Galega da Lingua (AGAL), será proxectado no local situado na Rúa Serra este venres 10 de maio ás 20.30 horas. A continuación desenvolverase un coloquio coa participación de persoas que interviñeron na gravación deste traballo sobre as relacións económicas galego-portuguesas.

Xa o sábado 11, no mesmo local do Centro Social A Pedreira vai celebrarse unha sesión vermú ás 13.30 horas coa actuación de Aldaolado. As dúas poetas María Lado e Lucía Aldao ofrecerán unha das súas divertidas sesións con humor, poesía e música con referencias á lingua, ao amor romántico ou á igualdade de xénero.

Nesa mesma xornada, ás 21.00 horas, está previsto o concerto de Curtidoira Folk, unha agruapción que ofrecerá un programa de cantigas do patrimonio cultural de Galicia.

O venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, está programada unha Ruada pola lingua, con saída ás 20.30 horas desde a Praza da Peregrina ata chegar á Praza da Pedreira, onde están previstos varios concertos.

O sábado 18 desenvolveranse ao longo da xornada xogos populares con animación familiar e musical na Rúa Serra cunha comida no Centro Social deste colectivo.

As actividades complétanse cunha exposición, aberta ao público ao longo de todo o mes de maio, con fotografías de Elena Bush. Baixo o título 'Sahara é nome de muller' ofrece unha visión sobre os campamentos de persoas refuxiadas saharauís.